Unha empresa da Coruña derrubará o antigo depósito de auga salgada do Porto de Marín
Por Redacción
A Autoridade Portuaria adxudicou á empresa Demolicións Coruña S.L a demolición do seu antigo depósito elevado de auga salgada.
Trátase dunha infraestrutura de 15 metros de altura que foi construída en 1965. Está situada entre o edificio dos departamentos de exportadores e a concesión de Galfrío.
Actualmente carece de uso xa que foi substituído por un depósito máis moderno situado no peirao norte con máis capacidade que dá servizo aos departamentos de pesca fresca e á lonxa.
O contrato de adxudicación implica a redacción do proxecto de demolición e a execución da obra que inclúe a demolición completa, incluída a edificación situada no seu parte inferior, soleiras, caseta, cubertas, tubaxes de acometida e distribución, escalas e ademais do saneado do terreo e perfilado e nivelación, así como o transporte de todo o material a planta de reciclaxe e xestión completa dos residuos.