O premio Xaime Illa Couto acada a súa XXI edición
Por Redacción
O Consello Municipal de Cultura do Concello de Poio ven de aprobar as bases que rexerán o concurso literario Xaime Illa Couto, que este ano acada a súa XXI edición.
As categorías, modalidades e premios serán as mesmas que nas anteriores edicións, toda vez que na do ano pasado se ampliara a categoría F para abrir o concurso á participación de persoas de todas as idades, coa intención de dar un novo pulo na potenciación da produción literaria na lingua galega, o principal obxectivo polo que este premio naceu xa fai máis de dúas décadas, impulsado e auspiciado por Xaime Illa Couto, presidente de honra do xurado e de quen recibe o nome.
A data límite de presentación finaliza o 8 de abril, e o xurado -formado polos representantes das asociacións culturais que integran o Consello Municipal de Cultura- reunirase o martes 6 de maio para fallar os premios. Ao igual que se ven facendo nas últimas edicións, o xurado contará co asesoramento de escritores do municipio para valorar os traballos presentados á categoría de 18 anos en diante, que conta con dous premios de 300 euros para cada unha das modalidades, relato e poesía.
O acto de entrega de premios terá lugar o 17 de maio, Día das Letras Galegas, no Centro Cultural Xaime Illa Couto, no transcurso dos actos organizados pola Sociedade Cultural e Deportiva Raxó para festexar o privilexio e a riqueza de termos unha lingua de noso.