Cinco empresas galegas concursan na rehabilitación do antigo colexio de O Cruceiro
Por Redacción
Cinco empresas galegas interesáronse na licitación aberta polo Concello de Sanxenxo para rehabilitar o antigo colexio de O Cruceiro, en Vilalonga.
O concurso aberto inclúe redacción do proxecto definitivo e execución de obra por un total de 2,9 millóns de euros. As empresas concorrentes son Civis Global, Castro Figueiro, Extraco, Medancil e Oreco Balgón.
Para este proxecto a administración local dispón dunha axuda de 1,9 millóns de euros do PIREP, o Programa de Impulso para a Rehabilitación de Edificios de Titularidade Pública, e o resto corresponderá a fondos do propio Concello.
Unha vez que se adxudique o prazo de execución que se contempla é de catorce meses.
Este espazo destinarase a un centro de Formación Profesional de cociña e restauración, biblioteca e un centro lúdico e multidisciplinar para uso da poboación. Este centro social dispoñerá de: dúas cafeterías, escenario con zona de baile adaptable para espazo dedicado a conferencias, cociña, roupeiro, camerino, aseos e dúas cafeterías que compartirán uso coa actividade docente.
A biblioteca distribuirase con zona de estudo, zona infantil, outra de computadores, un espazo exterior de lectura onde se poderán ofrecer actividades, arquivo e aseos. Ambas as dotacións contarán con accesos, servizos e instalacións independentes ao centro de FP que se situará na primeira e segunda planta do inmoble. Estará dotado de aulas polivalentes, taller de cociña, de restaurante e de bar, e un office, contando todos eles co equipamento necesario.
O proxecto tamén inclúe medidas de aforro e efeciencia enerxética.