A Deputación mobiliza 2,4 millóns de euros en axudas a concellos e entidades sen ánimo de lucro
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra mobilizou este venres en Xunta de Goberno preto de 2,4 millóns de euros para apoiar aos concellos para que fagan contratacións e financiar gasto corrente, tamén na posta en marcha dunha liña de axudas para entidades sen ánimo de lucro.
Por unha banda, a Deputación de Pontevedra destina máis de 1,2 millóns de euros para que sete concellos da provincia contraten a 89 persoas e poidan afrontar gasto corrente.
Concretamente, no marco da liña 3, de emprego, do Plan +Provincia aprobáronse preto dun millón de euros para que Sanxenxo, Tomiño, Vilaboa, Vilagarcía e Vilanova poidan contratar as 89 persoas desempregadas.
No caso da liña 2, de gasto corrente, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López informou que o Goberno provincial aprobou as primeiras dúas achegas para concellos. Así, A Illa de Arousa recibirá 97.000 euros para o servizo de recollida de lixo, xestión do punto limpo e limpeza da Escola Infantil e do Colexio A Torre e o Concello de Tui beneficiarase de 96.000 euros para as festas patronais de San Telmo.
Por outra banda, Luis López tamén deu conta de dúas convocatorias dirixidas a entidades sen ánimo de lucro que distribuirán 100.000 euros para a recuperación do patrimonio marítimo-fluvial orientado á promoción sociocultural e 90.000 euros para a edición de obras en galego.
O prazo para solicitar as axudas será dun mes a partir da publicación das bases de ambas as convocatorias no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.