Os accesos ás praias de Aguete e Loira serán de titularidade municipal
Por Oskar Viéitez
O Consello da Xunta autorizou este xoves o decreto polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Marín de dous treitos das vías provinciais EP-1205, de acceso á praia de Aguete, e da EP-1204, de acceso á praia de Loira.
Trátase, concretamente, do tramo inicial da estrada provincial EP-1205, de 372 metros de lonxitude; e do treito final da estrada provincial EP-1204, de 166 metros de lonxitude.
O Concello de Marín e a Deputación de Pontevedra asinaron un convenio no que estableceron a obriga da entidade municipal de solicitar a transferencia de titularidade destes viarios.
A Axencia Galega de Infraestruturas, vistos os informes emitidos polos servizos competentes, formulou a proposta favorable ao cambio de titularidade destes dous treitos das vías provinciais.
A transferencia destes treitos a prol do Concello de Marín tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que establece a súa aprobación por decreto da Xunta, a proposta da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade como competente en materia de estradas, e logo do acordo entre as administracións implicadas.
O departamento de Infraestruturas da Xunta ten entre as súas funcións a tramitación dos cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da comunidade autónoma e das entidades provinciais e locais.
Co cambio de titularidade, o Concello de Marín terá a competencia para actuar nestes treitos e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.
O decreto aprobado este xoves polo Executivo autonómico producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.