As quince escolas deportivas de Poio renovan o convenio co Concello
Por Redacción
Quince clubs deportivos de Poio subscribiron este xoves 15 un convenio co Concello mediante o cal se distribúe unha axuda económica de case 73.000 euros para o desenvolvemento das escolas deportivas municipais que neste curso conta con 725 escolares rexistrados, un centenar máis que a edición anterior.
As entidades deportivas que participan da iniciativa son o club Saraiba de ximnasia rítmica, Poio Artai de balonmán, Tríatlon Poio, Fútbol base Poio, Poio Pescamar fútbol sala, Escola Marítima Combarro, Piragüismo Poio, Poio Bike Club,Tenis Poio, Taekwondo Mace Sport, Boa Vila Basket, Club Atletismo Poio, Escola Vela Poio, Poio Kick Boxing e Escola de Rugby.
O convenio ofrece unha axuda de cen euros por persoa e curso, cantidade que aumenta para familias con menos recursos (acreditado por Servizos Sociais) de maneira que non pagan a inscrición nas escolas deportivas. En palabras do alcalde, Ángel Moldes, "unha vez que o orzamento municipal está aprobado, desde o Concello urximos a firma destes convenios para que os clubs dispoñan destes fondos canto antes".