A Praza de Abastos recibe 70 solicitudes para os 99 espazos vacantes
Por Redacción
O segundo prazo aberto para cubrir as prazas vacantes na Praza de Abastos rematou o pasado día 6. A Concellería de Promoción Económica recibiu un total de 70 propostas para adxudicar os 99 postos baleiros na instalación municipal.
O procedemento continuará coa apertura dos sobres coa documentación administrativa dos solicitantes para valorar o cumprimento das bases. Finalmente, procederase á apertura das propostas económicas. A concelleira, Carlota Román, non quere aventurar un prazo porque todo dependerá de se é necesario reclamar subsanación de defectos de documentación ou agardar por novos informes en calquera dos trámites.
A convocatoria das vacantes abriuse o pasado mes de agosto de xeito simultáneo coa exposición pública dos pregos de bases. Ao estimarse dúas alegacións, de acordo co previsto, abriuse un novo período de presentación de solicitudes, que agora concluíu. As persoas que obteñan as novas concesións gozarán dun período de explotación de 25 anos. Os postos serán adxudicados ao mellor postor. Os actuais adxudicatarios tan só dispoñen dos dereitos legais de "tanteo" e "retracto", pero sempre e cando teñan menos de tres casetas ou nove bancadas.
Dos 367 postos de venda da Praza están vacantes 27 casetas e 41 bancadas de froita no andar alto, mentres que no andar baixo están dispoñibles 7 casetas en lotes, unha bancada de flores, 16 bancadas de peixe fresco en lotes, 13 bancadas de peixe fresco soltas e tres lotes de bancadas de peixe conxelado.
Carlota Román destacou a absoluta transparencia e igualdade de oportunidades coa que se está a sacar adiante esta poxa, na que todas as persoas interesadas tiveron oportunidade de presentar as súas ofertas para obter un posto e poder realizar unha actividade comercial nas instalacións municipais.
Relacionadas:
-
Un total de 26 licitadores compiten por facerse cos postos vacantes no Mercado de Abastos
Por Redacción |
-
Carlota Román cifra en 200.000 euros anuais o déficit do Mercado e insta a abrir polas tardes
Por Alejandro Espiño |
-
Xa se poden solicitar os postos vacantes na Praza de Abastos de Pontevedra
Por Redacción |
-
Ábrese o proceso para a poxa dos postos vacantes na Praza de Abastos
Por Alejandro Espiño |