O estadio vilagarcián da Lomba probará un sistema de retransmisión con 5G
Por Redacción
O Concello de Vilagarcía de Arousa e o operador de telecomunicacións R acordaron impulsar un proxecto piloto baseado na tecnoloxía 5G para gravar e retransmitir en tempo real eventos deportivos (videostreaming) no estadio municipal da Lomba.
Este servizo de última xeración baséase nun sistema de produción automática e remota con capacidades de vídeo en calidade 4K. A intelixencia artificial aplicada á emisión automática do evento permitirá recibilo a través de múltiples plataformas na internet sen necesidade de operadores de cámara, tanto en diferido como en directo.
Ademais, poderase executar a realización remota, por exemplo, dun partido de fútbol que se xogue nas instalacións do estadio, a través dunha mesa de realización na nube, accesible desde calquera lugar e coa posibilidade de xestionala manualmente.
Un sistema multicámara incluído no piloto facilita, tamén, o cambio de cámaras simultáneas de forma inmediata, considerando os obxectivos tácticos máis específicos e interesantes para o deporte.
O director de empresas de R, Isidro Fernández da Rúa, explicou que "este proxecto espreme as capacidades da nosa nova rede 5G e dos seus servizos, demostrando que hoxe en día podemos igualar á fibra a través dunha tecnoloxía radio con garantías de alta capacidade, moi baixa latencia e privacidade. Ademais, e como novidade fundamental, a nosa rede 5G e as súas novas funcionalidades poden ser utilizadas de maneira totalmente dixital por parte doutras empresas tecnolóxicas. Queremos que máis e máis socios tecnolóxicos de aplicacións coñezan a nova infraestrutura e as súas posibilidades para crear xuntos servizos innovadores para familias, pemes e grandes empresas".
Pola súa banda, o presidente da Fundación de Deportes do Concello de Vilagarcía, Carlos Coira, celebrou “que unha empresa como R escollese a cidade para facer esta experiencia piloto, polo que significa de recoñecemento ao labor que desenvolven unha multitude de clubs (en Vilagarcía hai máis de tres mil fichas federativas de distintos deportes) e tamén ao esforzo municipal por contar cada día con máis e mellores instalacións e servizos, nos que podería integrarse o que agora ofrece R, unha vez avaliada a experiencia piloto".