A banda deseñada, unha ferramenta para estimular a creatividade dos alumnos da Xunqueira II
Por Redacción
Alumnos de quinto e sexto de Primaria do CEIP A Xunqueira II participarán nunha nova edición do obradoiro de narración a través da banda deseñada, que organiza a concellería de Normalización Lingüística e a comunidade educativa do centro. O obxectivo é dinamizar o uso da lingua galega entre a mocidade pontevedresa, achegando aos nenos a ela a través da creación de historias neste tipo de formato literario.
O obradoiro estará impartido e coordinado polo ilustrador Jano Viñuela Agra, licenciado en Belas Artes que na actualidade traballa como ilustrador e deseñador gráfico free-lance. Os seus traballos chegaron ao Salón do Cómic de Barcelona, onde expuxo en 2009, e gañou premios como do IV Certame de Imaxe Artística (2003), o do Certamen de Comic e Ilustración Injuve (2002) ou do Concurso Salón do Cómic de Cangas (2001).
O traballo, que se realizará tanto en horario lectivo como a través de actividades extraescolares, dividirase en distintas fases. Comezará coa lectura de Espantallo amigo, de Xosé Neira Vilas para o alumnado de quinto curso e O Nicolasiño, de Jean-Jacques Sempé e René Goscinny, para os de sexto.
A partir de aí os escolares resumirán a historia, estudarán os personaxes, crearán a storyboard (o boceto de banda deseñada), deseñarán graficamente os personaxes descritos nos textos, elaborarán un guión técnico e achegaranse á arte final das páxinas da banda deseñada con todos o seus elementos narrativos; así como ao proceso de maquetación, edición e publicación do traballo.
A banda deseñada, segundo os organizadores do obradoiro, estimula a creatividade, favorece a aprendizaxe, perfecciona a lectura, enriquece o vocabulario, desenvolve a expresión e a comprensión, mellora a ortografía, a percepción e a capacidade de síntese e análise; reflicte a realidade social dunha época e un país, desenvolve a capacidade crítica ante o mundo que nos rodea ou dá a coñecer paixóns humanas, frustracións persoais, soños e contradicións.
Ao remate de curso, o alumnado que participou no obradoiro presentarán o seu traballo aos compañeiros e profesorado do centro. Será coa publicación en papel de todas as propostas desenroladas no marco desta actividade.