Unha foto que circula por WhatsApp permite esclarecer un aparatoso accidente no centro histórico
Por Redacción
En moitas ocasións fálase dos efectos perversos que poden chegar a ter as novas tecnoloxías, pero neste caso serviron para identificar ao protagonista dun accidente de tráfico que sorprendeu á Policía Local. Unha fotografía que correu como a pólvora a través dun grupo de WhatsApp e, posteriormente, por Facebook e Twitter, permitiu averiguar o que sucedeu este mediodía na rúa Flórez de Pontevedra.
Un condutor estrelou o seu vehículo contra un bolardo metálico que impide a circulación por esta rúa do centro histórico de Pontevedra, situada nas inmediacións do Museo de Pontevedra. Alguén rexistrou este accidente coa cámara do seu teléfono móbil e decidiu compartilo virtualmente, un feito que permitiu á Policía Local abrir unha investigación sobre o sucedido.
Tras descubrir esta fotografía e partindo do modelo do coche e da súa matrícula, axentes da Policía Local puxéronse en contacto cos diferentes servizos de asistencia en estrada para saber de cal deles era o guindastre que retirara dito turismo.
Foi así como a Policía Local puido identificar ao condutor do vehículo, un veciño de Viascón (Cotobade), que deberá presentarse na Xefatura da Policía Local para responder ante os danos causados no mobiliario urbano.
Investígase ademais as circunstancias nas que se produciu o accidente, xa que ademais de ser unha zona prohibida para a circulación rodada, o estado no que quedou o vehículo tras bater contra o bolardo fai indicar que ía a unha velocidade completamente inadecuada para as características da rúa.