Os contedores marróns para a cidadanía chegarán en xaneiro a Bueu
Por Redacción
Ata dezaoito contedores marróns instalaranse en Bueu a partir de xaneiro. Forman parte dun proxecto piloto para estender a toda a cidadanía a recollida de residuos orgánicos.
Este novo contedor, co que se avanza na recollida selectiva de residuos e na redución da fracción orgánica, foi presentado nun acto público aberto á cidadanía.
Os contedores, inicialmente, estarán nas rúas Montero Ríos, Pazos Fontenla, Alexandre Bóveda, Santán, Avenida da Barca e Castelao.
A utilización destes novos colectores será a través dun sistema de apertura electrónica, que soamente se pode abrir mediante unha tarxeta persoal que será facilitada a partir de xaneiro, acompañada dun kit composto por un cubo aireado de 10 litros, un rolo de bolsas compostables, un folleto informativo e un imán para colocar na neveira.
Para dar a coñecer este quinto colector, a Mancomunidade do Morrazo ten en marcha unha sección na nova web, e implementará unha campaña informativa en medios de comunicación e redes sociais para explicar á cidadanía o seu uso e que tipo de residuos se poden botar.
Basicamente, a idea é que con ese kit as persoas separen os residuos orgánicos na casa e os boten nun caldeiro marrón, e utilizando sempre unha bolsa compostable.
Cando estea cheo, deberán depositarse os residuos no contedor marrón máis próximo á vivenda, o cal se deberá abrir achegando unha tarxeta persoal.
Este contedor marrón non é algo novo, senón que xa está presente na comarca xa dende o verán de 2022 pero só para a hostalaría, con máis de corenta locais adheridos e cun gran resultado, reducíndose notablemente os residuos orgánicos.
Entre os residuos que se poden botar están os restos de froita e verdura, os restos de carne e peixe, as cunchas de marisco e ósos, froitos secos, restos de pan, restos de café e infusións, papel de cociña branco, restos de plantas ou tapóns de cortiza.
As persoas interesadas en adherirse á campaña poderán solicitar información a través do enderezo electrónico info@mancomunidadedomorrazo.gal.