Xaneiro bate récord de chuvia en Pontevedra: só pechamos os paraugas dous días
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O pasado mes de xaneiro resultou ser moi húmido e sitúase como o mes con maior número de días de chuvia na provincia de Pontevedra, dende que se rexistran as series históricas, segundo os datos ofrecidos pola Consellería de Medio Ambiente.
Estes primeiros 31 días do ano 2014 quedaron marcados pola continua chegada de borrascas dende o Atlántico. A confluencia de aire moi frío e o aire cálido subtropical asociado ao anticiclón dos Azores, que se mantivo en xeral preto destas illas, ocasionou a formación explosiva de moitas destas borrascas, que chegaron en varias ocasións a valores de presión por debaixo dos 950 milibares.
Esta situación xerou ventos moi intensos en mar aberto que, a súa vez, propiciaron a formación de trens de ondas de moita altura que deron como resultado continuas alertas no mar, destacando dúas alertas vermellas. A primeira o día 6 e a segunda nas xornadas do 27 e 28.
No conxunto de Galicia, as precipitacións foron un 80% superiores aos valores normais
A cidade de Pontevedra tivo un xaneiro moi cálido tendo en conta as temperaturas mínimas e medias, mentres que o mes resultou frío tendo en conta as máximas. As mínimas situáronse nunha media de 8,1 graos, mentres que as máximas promediaron 13,5 graos. Con todo, só apareceu o sol durante 46,9 horas. ÿ dicir, apenas dous días.
A precipitación rexistrada foi moi superior ao rango de valores normais e por tanto considérase un mes moi húmido. O número de días de chuvia tamén acadou o máximo histórico da serie. Durante os 31 días de xaneiro, a chuvia fixo a súa presenza en 29. Recolléronse en total 462,8 litros por metro cadrado.
Para estas conclusións, compáranse os valores rexistrados no mes en curso nas estacións da rede meteorolóxica de MeteoGalicia cos valores climáticos, no período 1971-2000, para ese mes, obtidos a partir da serie histórica máis próxima.