Amizade reclama melloras na accesibilidade ao Parque Natural Río Barosa
Por Redacción
Este luns tivo lugar unha reunión na que o presidente da Asociación Amizade, Paulo Fontán, lle transmitiu ao alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, a necesidade de efectuar certas melloras na accesibilidade de toda a contorna do parque natural Río Barosa.
Ademais de solicitar que na zona máis próxima ao acceso peonil se sinalice unha praza de estacionamento reservada a persoas con mobilidade reducida, o presidente de Amizade trasladou a necesidade de mellorar o itinerario de acceso tapando de algunha maneira os surcos que existen na actualidade e que dificultan o acceso a persoas usuarias de cadeira de rodas.
Tamén se considera necesaria a modificación do pavimento de gravilla existente substituíndoo por outro que sexa máis estable, así como a necesaria incorporación de baños adaptados a persoas con mobilidade reducida.
Outras cuestións tratadas na reunión foron a necesidade de sinalizar unha praza de estacionamento reservada a persoas con mobilidade reducida na zona máis próxima posible á casa consistorial, revisar o deseño das marquesiñas, realizar unha análise da accesibilidade das instalacións municipais, ou garantir que os eventos culturais que organice o Concello resulten accesibles para todas as persoas, entre outras.
Na reunión a asociación ofreceulle ao alcalde a colaboración para traballar conxuntamente en prol de conseguir a plena inclusión das persoas con discapacidade en todos os ámbitos da sociedade.
Paulo Fontán sinalou que "foi un contacto que resultou fructífero sobre todo en canto ao compromiso asumido por ambas partes de manter un diálogo fluído e unha colaboración constante para evitar que no futuro se produzan situacións de discriminación por falta de accesibilidade, así como ir solucionando paulatinamente aquelas cuestións que son susceptibles de mellora".