Descubrimos a nova proposta de Panadería Acuña para este Nadal e a súa variedade de produtos artesáns
O obradoiro e as tendas de Panadería Acuña viven unha actividade frenética ás portas do Nadal.
O primeiro produto en chegar foi o panettone, de dous chocolates e o tradicional de froitas. A continuación, os turróns, os empiñonados, os mazapáns, os polvoróns, os pandoros, os troncos do Nadal e os stollens.
Esta semana previa ao Nadal, o último en incorporarse ás tendas é o bicho. E na véspera do día de Reis, non poden faltar os roscóns.
Esta campaña repite a caixa dourada, unha edición limitada de panettóns cunha decoración especial e que é unha aposta segura para regalar. Tal é o éxito deste produto, que os propios clientes popularizaron a "caixa viaxeira", unha iniciativa na que toman fotografías ao "panettone de ouro" en diferentes lugares do mundo.
A tenda Acuña da rúa Sagasta en Pontevedra é un exemplo da boa acollida que teñen tradicionalmente os produtos do Nadal da firma artesá. María Pousada, a encargada deste establecemento, preséntanos a anguía de mazapán, o produto que é a gran novidade esta campaña.
"A xente pregunta que leva, fíxanse nos adornos tan ben elaborados, nas súas froitiñas... Eu aquí vendinos todos para regalar. Como estamos preto do hospital Domínguez, moita xente cóntanos que o leva para regalar a alguén que lle van dar a alta. É un detalle moi bonito, vén nunha caixa especial e tamén en edición limitada", afirma Pousada.
A anguía de mazapán é a versión en pequeno formato do 'bicho' típico de Nadal. Do obradoiro saen metros e metros de 'bicho' artesán que "se reparte a todas as tendas e véndese por porcións, do tamaño que queira o cliente". O seu interior de touciño do ceo e mazapán, e a cobertura de xema, que se tosta para formar a decoración de escamas imitando a pel dunha serpe, fan as delicias de todos os padais.
Preguntada por aqueles produtos máis demandados polos pontevedreses, María Pousada afirma que "cada tenda é un mundo", en referencia a que as vendas poden variar segundo a localización. Na panadería-pastelería da rúa Sagasta, "o que máis se está vendendo é o panettone da caixa de ouro, tanto para consumir en Nadal como para regalar".
O resto de produtos propios destas festas tamén teñen unha boa acollida. A clientela valora a coidada elaboración artesá e o seu sabor de sempre. Neste punto, a encargada de tenda sinala aos empiñonados, "un produto tradicional que á xente gústalle moito, sobre todo á xente maior desta zona encántalle, dinnos que ten o sabor de toda a vida".
Tanto os empiñonados como os turróns, os polvoróns ou os mazapáns, entre outros, veñen presentados en pequenas bandexas, ideais para regalar nestas datas. Son as propias vendedoras na tenda as que se encargan de preparalas mimando cada detalle.
As vendas van a moi bo ritmo, e tamén os encargos. Neste sentido, a clientela valora a iniciativa da directiva de Panadería Acuña que dende hai tres anos colga nas redes sociais e nos despachos esta mensaxe: "Atención estimados clientes. Por conciliación e organización dos nosos traballadores este Nadal, os días 24 e 31 non se collerán encargas de ningún tipo, por favor, realicen os seus encargos o día anterior a estas grandes datas en calquera dos nosos despachos antes das 18:00h. da tarde".
A campaña pecharase o 6 de xaneiro, co roscón de Reis. "A rosca témola todo o ano, pero o roscón de Reis é moi especial, día e noite é o que máis intensamente se fai no obradoiro antes desa data, moitísima xente vén comprala no día ou a encargala, de medio quilo, un quilo, quilo e medio ou tres quilos, gusta moito porque ademais vén cos seus premios", indica María Pousada. En total, escondidos dentro das roscas, Acuña vai distribuír dous premios gordos de 500 euros, catro de 100 euros, tres premios de 50 euros, catro de 20 euros, cinco premios de 10 euros e dez premios de 5 euros.
Tradición, artesanía, oficio e innovación únense nos produtos de Panadería Acuña. A estes ingredientes súmase o agarimo ao produto e ao cliente, como desliza a encargada de tenda nunha reflexión final. "Levo moitos anos traballando en Acuña e vendendo produtos de Nadal. Eu, cando sento á mesa o 24 e o 31, penso: unha parte de Acuña, do noso traballo, de todas estas semanas, do esforzo dos meus compañeiros dos obradoiros, estará en moitas casas, nas reunións familiares..., e iso é moi bonito".