Muros de contención de nove metros sosterán o novo mercado de Sanxenxo
Por Redacción
A obra do novo mercado de Sanxenxo están a centrarse na construción dos muros de contención de formigón que van a nove metros de profundidade.
Unha vez concluídos, darase comezo á escavación do terreo e baleirado da parcela para iniciar a construción do paso soterrado e o aparcadoiro.
O goberno galego financia estas intervencións aportando un millón de euros e o Concello licita, executa os traballos e achega o investimento restante, algo máis de 1,3 millóns.
O obxectivo do acordo é a humanización da contorna da praza de abastos mediante o soterramento do tráfico na Rúa de Madrid e ata a súa intersección coa estrada autonómica PO-308, que une Pontevedra coa Lanzada.
O Concello convocou un concurso de ideas para a execución dunha intervención integral na que se inclúe o novo edificio do mercado e dependencias municipais.
A proposta gañadora, "Os luns ao sol", ademais deste novo equipamento municipal, ofrece solución aos problemas de circulación na zona, evitando a conxestión de tráfico e a inseguridade.
A intervención reduce o espazo urbano destinado á circulación de vehículos e prima a rexeneración de espazos públicos nos que os peóns gañen protagonismo.
As actuacións recollidas neste acordo centraranse na execución dun paso inferior para o tráfico da rúa de Madrid, desde o que se dará entrada ao aparcamento do novo edificio do mercado.
Tamén se procederá á reurbanización da Rúa de Madrid, desde a Rúa Panadeira ata o seu encontro coa glorieta de intersección da propia rúa de Madrid coa rúa Progreso.
Relacionadas:
-
Inquedanza veciñal ante posibles danos motivados polas obras do mercado de abastos de Sanxenxo
Por Redacción |
-
Arrancan con cambios de tráfico as obras da primeira fase do mercado de Sanxenxo
Por Redacción |
-
A primeira fase da reforma do mercado de Sanxenxo esperta o interese de cinco empresas
Por Redacción |