Todos os grupos municipais piden á Xunta a construción de aparcadoiros disuasorios en Bueu
Por Redacción
O pleno de Bueu aprobaba este luns o Orzamento Xeral de 2023 e o cadro de persoal. O tema provocou un tenso debate no que Elena Estévez, portavoz do PP, lembrou que o orzamento chega "tarde, mal e arrastro" cunha vixencia "de tres semanas", apunto.
O grupo popular, segundo engadía Estévez, presentara unha alegación para que se incluíse unha partida para cumprir co concurso de ideas da Banda do Río, unha alegación que se desestimaba ao non cumprir cos tres supostos técnicos para aceptala, segundo fontes municipais, igual que sucedía coas presentadas polo CSIF.
Desde o BNG, Xosé Leal, portavoz e concelleiro de Facenda, acusou ao PP de esperar ao último día para presentar alegacións atrasando o procedemento de aprobación. Anunciou que nos primeiros meses de 2024 o grupo de goberno tentará presentar o orzamento do novo ano.
Félix Juncal, alcalde de Bueu, manifestou que o goberno local está "sobre todo comprometido coa saúde económica e financeira do Concello". O orzamento foi aprobado cos votos favorables de BNG e PSOE e os votos en contra do PP.
CONSTRUCIÓN DUN APARCAMENTO DISUASORIO
Os grupos do BNG e o PSOE presentaron unha moción para instar á Xunta de Galicia a que constrúa un aparcamento disuasorio na saída da VG-4.6 en Castiñeiras. A idea é que se fomente o uso do vehículo compartido.
Neste espazo, segundo a moción, a Xunta de Galicia dispón de terreos anexos á saída do polígono industrial de Castiñeiras para acoller un aparcamento destas características e que tamén permitiría o seu uso para as persoas que acceden ao cemiterio e ao propio parque empresarial.
O PP mostrouse sorprendido por esta iniciativa e preguntou se se realizou algunha solicitude á administración autonómica e reclamou un estudo propoñendo outras zonas para estes aparcamentos. A pedimento de Elena Estévez incluíuse a emenda popular para instar á Xunta a que realice un estudo para ampliar as zonas de aparcamentos disuasorios tamén no acceso de Bueu a Pontevedra. A moción foi aprobada finalmente por unanimidade.
Foi desestimada a moción popular para realizar unha campaña publicitaria para animar á cidadanía para empadroarse. A sesión finalizou cun debate sobre a afluencia de turismo a Bueu tras unha interpelación de Daniel Chapela, concelleiro do PP, a Silvia Carballo, concelleira de Promoción Económica e Turismo.