Completamos o ciclo de faladoiros taurinos en PontevedraViva Radio. Tres podcast que arrincaron no mes de xuño con motivo da presentación dos carteis da feira taurina da Peregrina nos que afeccionados locais manifestaron a súa opinión sobre os mesmos, chequearon o que nese momento transcorrera de tempada e expuxeron as súas perspectivas. Tamén en vésperas da feira sumouse un interlocutor da empresa para engadir ás charlas a resposta en despacho de billetes e expectativas. Para completar, e tras o resultado dos dous festexos súmase Gonzalo Lorenzo, que exerceu de asesor técnico artístico do presidente, e cuxas decisións non estiveron exentas de controversia.
Como en anteriores podcast os afeccionados taurinos Raúl Martínez, Alejandro Calvo e Juan Riveiro, presidente tamén da Coordinadora de Penas Taurinas de Pontevedra, fan o seu balance do visto a pasada fin de semana na praza de touros; o seu parecer sobre as decisións do palco de autoridades, reses e toureiros actuantes.
Dos argumentos e máximas que expón durante a charla - co Regulamento Taurino sobre a mesa -, Lorenzo reitera en varias ocasións: "procuro que na miña cidade - e procurarei mentres non me boten -, manter un listón no que a tauromaquia sexa respectada". Explica no podcast das 'Conversas na Ferrería' os criterios que se tiveron en conta en momentos broncos, como tras a intervención de 'El Juli', de 'El Fandi' ou as voces que pedían a devolución dun dos touros do lote de Roca Rey.
Durante o intercambio de consideracións hai algunhas coincidentes entre os tres afeccionados como a imaxe que presentaba o coso pontevedrés en canto á asistencia de público con máis tres cuartos o sábado e case encho o domingo; e que "se non hai un triunfador que abra a porta grande non significa algo negativo para o espectáculo".