RADIO.- "Garcigrande é unha gandería que fai o touro o mellor que sabe e pode; os resultados na praza fan que os toureiros os pidan máis ou menos"
Por Marisa Ciordia
A gandería salmantina de Garcigrande regresa á feira taurina da Peregrina. "Facía moito tempo que non estabamos en Pontevedra. É unha feira á que nos gusta ir, lembramos á súa afección, o interese co que se ve o tema taurino. É unha ilusión tremenda volver co desexo de que as cousas saian ben e que a xente salga contenta" di o gandeiro Justo Hernández Escolar en PontevedraViva Radio.
Se acartelan ademais tras dous anos de ausencia de festexos nesta capital; nunha tempada en que se proclamaron mellor gandería en San Isidro e con tres matadores que coñecen o triunfo con este ferro. Responde no 'Cara a cara' a ese alcume que se lle engade de 'gandería de figuras': "Garcigrande é unha gandería que fai o touro o mellor que sabe e pode, e logo os resultados na praza fan que os toureiros os pidan máis ou menos; neste caso pídenos máis e estamos agradecidos e orgullosos diso".
Preguntamos tamén pola substitución xeracional entre os gandeiros de reses bravas (Garcigrande, El Pilar, Valdefresno, Daniel Ruiz, José Escolar, La Quinta, Victoriano del Rio, Gavira, Barcial...), polas dificultades que o sector atravesou coa pandemia, sobre a presenza do touro cinqueño nos festexos, como son para o gandeiro as tardes de triunfo dun toureiro, ou como vive Justo Hernández un indulto: "é o máis bonito que hai e creo que se indultan menos touros dos que se deberían. Eu recoñezo que houbo veces que vin correndo da praza ao campo para velo chegar e non perderme nada porque me emociona, é impagable".
Falamos tamén da afección taurina e di: "a persoa que vai por primeira vez aos touros é a que máis me interesa (...) nunha praza unha gran porcentaxe do público ten que ser ese, que aplauda o que lle guste baixo o seu criterio e sabedoría e que non aplauda e non volva por aquilo que non lle guste. Eu creo moitísimo nese público e respéctoo moitísimo e ademais é do que máis aprendo e ao que máis presto atención".