RADIO.- Inicio do curso escolar: "O problema non vai estar nos centros educativos, está fóra"
Por Marisa Ciordia
O próximo dez de setembro debe comezar a actividade lectiva do curso escolar 2020-2021 en Galicia. Un comezo marcado pola incerteza, preocupación e tamén malestar. Nesta Comunidade determinouse que o curso sexa presencial en Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato - dependente do escenario que a pandemia vaia marcando - cunha incorporación en catro fases.
"Non teño a menor dubida que no primeiro trimestre vai faltar moita xente a clase, fundamentalmente en Infantil e Primaria; pero o problema non vai estar nos centros educativos, está fóra" di o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares en Mentres isto dure.
Será posible que a práctica se desenvolva tal e como di o protocolo da administración?, que validez teñen as probas PCR que se empezaron a realizar entre o profesorado?, reforzouse persoal nos centros educativos?, que prevén para o transporte escolar?, quen poden entrar nos centros?, como será o uso de comedores?, serán factibles as actividades extraescolares?...
Son algunhas das múltiples cuestións que se lle expoñen en PontevedraViva Radio e entre as que tamén están as demandas que vía sinaturas ou persoalmente trasladáronse á administración educativa na provincia.