Manuel Abelleira, presidente do colexio na provincia de Pontevedra lembra que "a idea é facer informes técnicos e avaliacións técnicas dos inmobles afectados, para posteriormente tomar as medidas necesarias. Aínda que existe présa para os afectados, a acción leva un tempo mínimo que tratamos de minimizar. Os primeiros compañeiros que queren achegar a súa axuda xa o farán en breve".
Preguntado sobre a incidencia ou repercusión da ordenación urbanística en Galicia cando se producen incendios forestais, Manuel Abelleira responde que "os galegos temos unha poboación totalmente diseminada, esparexida polo territorio. Isto é difícil cambialo porque é como somos.
Outra cousa son as leis e normativas que impidan por exemplo a recualificación de chans que fosen afectados por incendios. Aí entendo que si hai que ser limitativos coa ordenación urbanística. En canto ao asentamento humano, é a nosa idiosincrasia e é moi difícil querer cambialo".
Neste Cara a cara de PontevedraViva Radio charlamos tamén sobre o proxecto de lei de contratos do sector público que acaba de aprobarse e que introduce importantes cambios nestes procedementos e na valoración dos proxectos que realizan os arquitectos. "Ata agora a administración valoraba máis o aspecto económico e nós avogamos desde hai anos por que se valore máis o traballo que realizamos".
Outro dos temas que expomos son as directrices da "Guía de cor e materiais de Galicia" que acaba de presentar a Xunta.