"Cero violencia viaria" esa é a campaña que desenvolve durante todo este mes de xaneiro o colectivo Pedaladas de Pontevedra. Con tal motivo, convidámolos ás Conversas na Ferrería de PontevedraViva Radio.
O obxectivo é que non haxa ningunha vítima en accidentes: nin condutores, nin ciclistas,nin peóns. Para iso, fundamental en calquera caso, coñecer e respectar a normativa vixente. Son varias as iniciativas que ao longo deste mes teñen previstas.
Ademais puxemos a atención en Pontevedra: nas actuacións que para acougar o tráfico se implantaron, nas facilidades ou dificultades que teñen os ciclistas para circular, na accesibilidade de peóns -con mobilidade reducida inclusive-, nas propostas que este colectivo trasladou ao Concello e tamén ao Goberno central para a súa posible aplicación, etc...
Porque a seguridade viaria non só é cuestión de condutores (de vehículos de dous ou catro rodas) e de peóns, tamén as administracións teñen unha función e actuación fundamental, e delas tamén falamos nestas Conversas na Ferrería con Marta Samartín, Manolo Torres e Quique Pérez.