Esta edición do podcast 'Boomer o último' está máis chea que o camarote dos Irmáns Marx. Repleta de bandas da escena punk rock pontevedresa, algunhas recentes e tamén presentes, outras con máis soleira e ás que Jesús Fontanes e Marcial Outeda renden tributo - moi adecuado para un podcast que lles quedou moi musical -.
Unicornibot, Brutal Distracción, Dismal, Inn Oppiah!, Enki, Tiro na Testa, Picadura, Garnet, Malkeda, Fervellasberzas, Champurrada (dan por válido Poio como banda de Pontevedra), Amsar, Bala... son algúns dos nomes que van desfilando polo programa. Nomes moitos deles que para os facedores deste programa van ligados a un sentimento de nostalxia. Quen lembra da noite pontevedresa 'El porrón'?, ou lugares e locais onde se ofrecían concertos e aos que asistiron con ímpeto xuvenil?, Marcial e Jesús fan memoria, non exenta como sempre de retranca.
E nesta listaxe non pode faltar unha formación que chegou a editar os seus discose actuaron dentro e fóra de Pontevedra, e mesmo cuns míticos como Barricada. Como pista dicir que os seus integrantes chamábanse José Manuel - alias 'Pucho' -, Iván, Ángel, Marcial e Suso. Se non sabes o seu nome, ou si e queres saber que se comenta respecto diso, o podcast pódese escoitar desde a ligazón que se adxunta ou tamén escoitalo e descargalo desde a web de PontevedraViva Radio.