'Boomer o último' mimetízase co momento do calendario en que estamos e trae un programa especial dedicado ao Nadal. Tan especial, que para a ocasión Marcial Outeda e Jesús Fontanes fixeron un programa no que contaron coa presenza e participación de público.
Agora cabe preguntar, es de Papa Noel ou de Reis Magos?, pero houbo unhas xeracións en que a espera, a ilusión, depositábase toda en Melchor, Gaspar e Baltasar. E a xeración boomer foi unha delas.
Así que involucran ao seu público presente e convídanlles a contar: que agasallo lembras especialmente da túa infancia?, as respostas son... para escoitalas. Unhas con final feliz, outras, non o foron tanto; e é que en ocasións, os paxes dos Magos de Oriente non acaban de interpretar correctamente eses desexos que nenos e nenas poñen nas súas cartas.
Es desas persoas ás que, un ou outros - Papá Noel ou Reis Magos -, sempre deixaban ou seguen deixando unha peza de roupa interior?, non estades sós, en 'Boomer o último' tamén e tómanllo con sentido do humor, que é o que nunca falta nestes programas.
O podcast completo pódese escoitar na ligazón que se adxunta e tamén desde a web de PontevedraViva Radio pódese descargar e escoitar.