A comezos do 70 catro equipos de fútbol tiñan aliñación feminina na provincia: Ribadumia, O Grove, Baiona e Porriño. O Umia CF ten historia desde 1924 e un fito desde o comezo da década de 1970, un grupo de mulleres que adoitaban acudir ao campo de fútbol para ver xogar aos homes, decidiron saltar ao campo. Unha delas é Milagros Martínez, extremo esquerdo da primeira formación feminina do Umia CF. Ela acompáñanos nas Conversas na Ferrería para falar daquelas precursoras que abriron camiño e tradición para o que hoxe é o Umia CF Feminino.
A voz masculina pona o presidente e coordinador do equipo, Félix González e acompáñanos Alba Barral, xogadora do primeiro equipo e delegada das Promesas; Yolanda Piñeiro, capitá do segundo equipo; Sandra Diz, capitá do primeiro equipo; Jessica Prieto, xogadora do primeiro equipo e adestradora de Promesas; Mariña Señoráns, capitá de Promesas; Sara Otero, porteira do Promesas e Patricia Casas, porteira do primeiro equipo.
Milagros conta como "Rivas hai case cincuenta anos reuniunos a varias mulleres que iamos ao campo de fútbol para ver xogar aos homes. Tivemos unha época moi bonita. Eramos as xustas para formar un equipo. Tíñamos adestramento dúas veces á semana".
Lembra o primeiro partido, "foi contra O Grove, había feira en Mosteiro e estaba o campo a lume de biqueira, non estaba como o do Atlétic porque non cabían tantos se non..." E engade outro dato fundamental "recordo que non había faltas de respecto, nunca. Agora ves, por exemplo, que hai mozas árbitros e prodúcense insultos, vexo que hai situacións en que fomos a peor".
Situacións como as que viviron en primeira persoa algunhas das xogadoras actuais do Umia. Apuntan así unha ocasión en que unha delas recibiu un forte golpe no terreo de xogo e escoitou desde a bancada "vai a xogar ao xadrez que aí non che fan dano". Mirando outra cara da moeda, "a relación e compañeirismo cos equipos masculinos é moi estreita e satisfactoria".
Aínda que Milagros resta importancia a aquela etapa, Félix sitúa a aquel equipo dos 70 como precursoras do fútbol feminino, e engade no devir da conversación que "se ha avanzando moito pero foise cara atrás en valores".
"Hai moito que facer en respecto á muller, non só en deporte, en todos os ámbitos e este é un máis". As actuais xogadoras, como Sara Diz corroboran esas palabras, "aínda que sexamos amateurs, están a darse pasos a un fútbol máis profesional ou semi profesional e temos máis recursos ao noso alcance". Como exemplo, daqueles catro equipos femininos dos que falaba Milagros, actualmente en Primeira Autonómica hai 16 equipos.
Outra circunstancia na que todas están de acordo e queren deixar constancia en PontevedraViva Radio é o agradecemento a Félix González "por todo o que fai por nós e polo fútbol feminino". Quen sabe... unha liga de veteranas?