RADIO.- Nee Barros, unha das voces da literatura queer galega
Por Marisa Ciordia
O marinense Nee Barros será un dos autores que tomen parte da próxima Festa dos Libros que acollerá Pontevedra. Será na xornada do domingo 9 cando interveña na presentación dunha antoloxía de relatos LGTBIQ+ e seguidamente como unha das voces da literatura queer galega.
Antes charlamos da súa traxectoria como escritor, divulgador e activista dos dereitos trans no podcast 'Cara a cara'.
Ten vinte anos, estuda Xestión Cultural e comezou a escribir na adolescencia, pola súa afección á escritura e pola necesidade de expresar o que chama "a miña saída do armario". Ata a data publicou '19 poemas para un virus19', 'Identidade a normalidade do non común' e o máis recente 'Nom estamos quebrades' co que gañou o Premio María Victoria Moreno.
Dá visibilidade igualmente ás persoas queer a través da súa canle de Youtube co pseudónimo de Neeumatiko.
Nesta canle non só divulga no ámbito literario tamén achega a súa propia experiencia persoal: "fago vídeos desde un nivel básico e partindo da miña experiencia, porque é un recurso que fai falta. Por exemplo, a min o que me pasou cando quixen facer a mastectomía é que non tiña referentes en Galicia que o fixesen sen hormonarse e pola sanidade pública".
Poesía, teatro, relato e a música están a súa mochila cultural, formando parte dunha das bandas que deixaron a súa pegada nas edicións do proxecto do Concello de Pontevedra, Xeración Sónica e formando parte de Froalla.
O podcast completo pode escoitarse na ligazón que se adxunta e tamén se pode descargar desde a web de PontevedraViva Radio.