RADIO.- 'Ya el pasado dirá' se Shakespeare chegou á costa pontevedresa e o seu legado segue aquí
Por Marisa Ciordia
A portada do segundo libro que publica Manuel Jesús Núñez Fernández é toda unha declaración de intencións: Shakespeare e ao fondo un enclave da ría de Vigo, no Morrazo.
Estivo en Gunderán o dramaturgo inglés? Gunderán é o nome ficcionado dun municipio morracense que pode recoñecerse durante a lectura. E... atopouse nese enclave o chamado 'First Folio'?. Para investigalo, o autor trae de novo ao personaxe de Brancardier. Un médico internista con dotes de investigador, que le poemas e que ademais non cre que as cousas sucedan por azar, teñen un por que; e por iso defínese un dietrólogo.
Charlamos con Manuel Núñez no 'Cara a cara'. Médico especialista en Medicina Interna e morracense, como o seu protagonista. É igualmente un admirador dos libros de Andrea Camilleri e Domingo Villar - creadores do comisario Montalbano e o inspector Caldas, respectivamente - aos que quere ofrecer "unha modesta homenaxe".
'Ya el pasado dirá' inclúe unha documentada trama histórica pola que discorren nomes como o do Conde de Gondomar, William Stanley, Shakespeare e o seu 'First Folio' que como explica é "o nome que recibe a primeira edición das obras completas de Shakespeare".
Brancardier, que se presentou aos lectores o pasado 2021, non parece chegar á vida do seu autor para quedar nesta segunda publicación, hai intención de seguir levándoo por máis aventuras. Polo momento preséntase este próximo mércores 12 de abril ás 19.00 horas no Colexio de Médicos de Pontevedra. A asistencia é aberta.
O podcast completo pode escoitarse nesta ligazón que se adxunta e descargalo desde a web de PontevedraViva Radio.