RADIO.- Gonzalo Giner marida historia, arte, ciencia, desexos e moita acción en 'La sombra de los sueños'
Por Marisa Ciordia
Sara Ludwig é unha sofisticada ladroa de arte. Tras o seu último roubo, un valioso Manet, contacta con ela o emir Jalid bin Ayud, un apaixonado amante dos cabalos que, conquistado polo seu talento, pídelle axuda para levar a cabo un obxectivo incriblemente ambicioso e arriscado. Para logralo, Jalid necesita emprender tamén unha complexa escavación nunha convulsa Siria e reunir o empeño dun home de ciencia, curto en escrúpulos e con escasos límites éticos á hora de proceder. Só así, o emir poderá facer realidade unha longa obsesión coa que pretende sorprender ao mundo e reescribir o pasado.
Esta é a sinopse da última novela do veterinario e escritor Gonzalo Giner, 'La sombra de los sueños', con quen falamos no podcast 'Cara a cara'. Unha novela presentada como un empratado con múltiples ingredientes acertadamente maridados, "un gran quebracabezas onde o ilusionismo ten moito que ver", defínea o autor.
En 'La sombra de los sueños' hai historia, hai arte, hai ciencia, diferentes escenarios temporais e espaciais, e moita aventura. Porque esta é unha novela "de aventuras, de acción, de suspense, un anaquiño de thriller e onde tamén hai unha parte de novela histórica, aínda que non é unha novela histórica. É unha novela de acción", precisa o escritor madrileño.
Nunha das referencias históricas recupera á persoa de Saladino, "o hérose musulmán máis grande da historia" como o sinala Giner. Saladino compartía unha paixón con este veterinario, os cabalos, que igualmente teñen o seu protagonismo neste libro que acaba de publicar. O podcast pódese reproducir desde a ligazón que se adxunta e igualmente escoitar e descargar desde a web de PontevedraViva Radio.