RADIO.- Espelita prepara a presentación en directo do seu debut musical, 'Rentrèe'
Por Marisa Ciordia
Espelita non ten significado, ou si porque xa é o nome do proxecto musical que nos ocupa neste podcast do 'Cara a cara'. O pontevedrés Julio Novoa, o seu promotor, explícao: "era unha das cousas que me facía graza de chamar así ao grupo, que a palabra non existe". Non existe pero da súa cabeza saíu como unha derivación sonora do apelido dunha baixista americana. Desta forma podemos dicir que Espelita ten xa publicado o seu primeiro elepé, 'Rentrée'.
'Rentrèe' si que ten significado, é unha palabra francesa que levada ao castelán úsase para significar unha volta ou regreso. Novoa, tamén nos resolve o por que deste título: "eu son libreiro e a rentrée é ese regreso, ese inicio do curso en setembro que conleva tamén a chegada de novidades tras o verán. Facíame graza ese xogo de chegar a un sitio no que non estaba, parecíame divertido". Para chegar ao momento da publicación houbo un longo período tempo de traballo. O proceso foi lento "porque eu non teño oficio e porque se xunta coa miña vida diaria na que non me dedico a isto", explica.
Así, dedicou tres anos a compoñer as cancións. Contou co apoio para este proceso creativo de Alejandro Galloso, Gallo, a quen se sumaron outros músicos. A gravación tamén foi made in Pontevedra, concretamente en Estudo Bonobo. As voces son as de Julio e a da súa muller, Lucía Vieitez. "É unha cantante fantástica á que eu quería implicar desde o primeiro momento porque as cancións basicamente nacían para mostrar á miña contorna o agarimo que lles tiña e a primeira persoa que me atopaba eran a miña muller e as miñas fillas", precisa. Lucía ademais tamén achega algunhas letras nas cancións do álbum.
Musicalmente está influenciado polo pop e máis concretamente, como engade Novoa "dun pop lánguido, herdeiro do que se chamou donosti sound". 'Rentrèe' está dispoñible nas principais plataformas dixitais e actualmente está a ultimar a edición física en formato cedé. O seguinte paso será a presentación en directo e xa nos avanzaba que espera que no verán poidan facelo.
O podcast completo pódese escoitar na ligazón que se adxunta e igualmente descargalo e escoitalo desde a web de PontevedraViva Radio.