RADIO.- As aulas de infantil tamén inspiran contos e escríbeos a pontevedresa Victoria García
Por Marisa Ciordia
'As formiguiñas filandeiras' foi o seu debut como escritora. Agora a pontevedresa Victoria García publica o seu segundo título para público infantil: 'Un segredo entre as nubes'. A escritura sempre a acompañou, dinos no podcast 'Cara a cara', aínda que publicar non chegase ata o 2021.
É xornalista, unha profesión que exerceu aínda que non a safisfizo; así que tras un "ano sabático" para reorientar o seu compás vital, comezou a estudar Maxisterio. A iso continúa dedicándose actualmente, con alumnos de Primaria nun centro de Moaña. É esta docencia a que tamén nutre as historias que leva aos contos. De feito, este conto que acaba de publicar transcorre nunha aula, entre escolares.
A autora recomenda a súa lectura a partir dos oito anos; aínda que "se son os pais quen lles le o conto pola noite, é tamén perfecto para idades máis temperás". As ilustracións corren a cargo da arousá Nuria Díaz e publícase en castelán, galego e catalán.
O podcast pódese escoitar desde a ligazón que se adxunta e tamén está dispoñible para escoitar e descargar desde a web de PontevedraViva Radio.