Ía ser o 4 de outubro, pero chegado ese día o Tribunal Supremo decidiu aprazar sen data a súa decisión sobre a legalidade ou non da prórroga da concesión da fábrica de Ence.
O alto tribunal prolonga a incerteza sobre o futuro da pasteira na ría porque os recursos presentados contra a sentenza que deu razón ao Concello aínda están "en tramitación". Lembremos que a Audiencia Nacional anulou en tres sentencias distintas a prórroga concedida polo goberno en funcións de Mariano Rajoy.
Dende a APDR xa afirman que "Ence está morta" e ao longo deste ano a empresa xa empezou a manobrar ante a posibilidade de que a resolución sexa desfavorable e teña que pechar a fábrica de Pontevedra que achega unha cuarta parte dos beneficios da empresa. As alternativas pasan por Navia xa que a compañía ve inviable un posible traslado dentro de Galicia.
En cambio Ence estuda poñer en marcha na localidade coruñesa das Pontes, un complexo industrial destinado á produción de biocombustibles e papel tisú. As principais materias primas das que se abastecería a fábrica serían o papel e cartón recuperados, en lugar de madeira. Pola súa banda, a pasteira lusa Altri será o socio industrial no proxecto da Xunta para fabricar fibras téxtiles con madeira na localidade lucense de Palas de Rei.
E non pasou desapercibida a decisión de Ence de comezar en Navia a produción de Naturcell, un produto de celulosa non branqueada que ata o de agora só fornecíase desde a factoría de Lourizán que estivo parada desde xullo pola seca. O baixo nivel da auga do río Lérez non permitía abastecer á pasteira sen afectar o caudal ecolóxico.
Como consecuencia a empresa aplicou un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) aos traballadores que se prolongou durante cen días.
A compañía tivo que investir para buscar unha solución ante uns episodios de seca que o cambio climático fará que se repitan con frecuencia no futuro. A alternativa pasa por utilizar a auga depurada da EDAR de Praceres.
A seca na conca do Lérez tamén provocou outro problema inesperado: A tubaxe de abastecemento resultou danada durante o período de inactividade ao que se vió abocada a fábrica de Lourizán. A reparación desta avaría atrasou ata novembro a continuación da actividade industrial.
Como efecto deste paro o tráfico de mercadorías no porto de Marín deixou de manipular na terminal cuberta un total de 150.000 toneladas de pasta de papel.
Con todo o consecuente prexuízo económico para a pasteira compensouse ao estar disparado o prezo da celulosa o que permitiu ao Grupo seguir tendo beneficios, razóns polas que o PP esixiu que continúe coas axudas contempladas no seu Plan Social.
Non todo foron malas noticias para a fábrica, a Xunta anunciou que cederá o actual emisario submarino a Ence a principios de 2023. O cambio de titularidade farase cando se poña en marcha o novo emisario, que se conectará á depuradora de Vos Praceres nos próximos meses.
Con todo, os grandes investimentos seguen conxeladas, mentres que o CEO de Ence Ignacio de Colmenares insiste en que "en caso de que la planta continúe operativa" invertirá 55 millóns de euros na fábrica de Pontevedra ata 2027.