Os inscritos en Podemos votan e acordan apoiar a Marea Pontevedra

Pontevedra
02 de abril 2015

Marea Pontevedra responde ao PP: "o candidato do Partido Popular, Jacobo Moreira, non vai conseguir calar á Marea". Luis Rei entende que as súas críticas e as de Lores evidencian que "o  Bloque e mais o Partido Popular empezan a perder os nervios, porque ven que está chegando unha forza que o 24 de maio vai espir as súas vergoñas"

Guillermo Casalderrey, número tres da lista de Marea e membro do Consello Cidadá de Podemos Marea Pontevedra

Podemos apoiará co "seu esforzo e a súa capacidade de difusión" á candidatura de Marea Pontevedra para as eleccións municipais do 24 de maio "posto que entronca coa onda política de ilusión que se xerou o 25 de maio de 2014", data na que o partido que lidera Pablo Iglesias entrou no Parlamento Europeo. Este é o resultado da última votación que se realizou no seno de Podemos Pontevedra, unha consulta telemática.

O Consello Municipal de Podemos informou a través dun comunicado que entre o domingo 29 e o luns 30 de marzo celebrou unha consulta telemática vinculante aos inscritos en Pontevedra para ratificar ou rexeitar o apoio á candidatura de unidade popular Marea Pontevedra de acordo cos principios políticos de Podemos e ao seu documento político organizativo. O resultado foi que dos 98 inscritos que votaron, 77 (o 78,57%) fixérono a favor e tan só 21 (o 21,43%) votaron en contra.

A proposta municipal de Podemos consiste en apoiar as iniciativas municipalistas que cumpran cos requisitos da nova política, a transparencia, a rexeneración e as posibilidades de vitoria e cambio. No caso de Pontevedra, a asemblea municipal concretou que as candidaturas de unidade popular, nas súas distintas formulacións, serán non obstante independentes de Podemos. Ao respecto, cabe lembrar que un dos integrantes do Consello Cidadán de Podemos, Guillermo Casalderrey, figura como número tres da candidatura da Marea ás municipais.

Luis Rei: "O Bloque e o Partido Popular empezan a perder os nervios"

Logo de darse a coñecer este apoio de Podemos, Marea Pontevedra aplaudiu que segue a aumentar os apoios de colectivos e persoas. Podemos Pontevedra súmase ao xa expresado por Anova, EU, Espazo Ecosocialista e Iniciativa dos Praceres, así como de activistas de colectivos sociais e veciñais coma Salvemos a Fracha, Non ao Crematorio en Pontevedra Leste, Marea Laranxa ou SOS Sanidade Pública,  ou a personalidades coma Manuel Moldes ou Xosé Fortes.

Marea Pontevedra tamén quixo responder ás declaracións realizadas nas últimas horas polo PP de Pontevedra e entende que a crítica política non debe ser considerada como insulto. Engade que "o candidato do Partido Popular, Jacobo Moreira, non vai conseguir calar á Marea" e insiste en que o seu candidato, Luis Rei, subscribe integramente os reparos que Xosé Fortes formulou aos cambios de xestión do arquivo do Museo, dos que indica que foron "introducidos caprichosamente" pola deputada provincial Ana Isabel Vázquez, burocratizaron o seu funcionamento e dificultan o traballo dos investigadores.

As acusacións de Moreira chegan días despois de que o alcalde e candidato do BNG, Miguel Fernández Lores, afirmase que non quere gobernar con Marea, o que, en opinión de Luis Rei, evidencia que "o  Bloque e mais o Partido Popular empezan a perder os nervios, porque ven que está chegando unha forza que o 24 de maio vai espir as súas vergonzas, denunciando que tanto o PP de Mariano Rajoy coma o bipartito BNG-PSOE van da man en asuntos como o trazado da A-57 na Fracha, o non acatamento das resolucións xudiciais sobre os recheos ilegais do porto ou a vía aberta á instalación na Xunqueira de Alba de empresas que se preparan para asestar un golpe durísimo ao comercio local de Pontevedra".