Rivera ficha polo Coruxo tras finalizar o seu contrato co Pontevedra

Pontevedra
06 de xullo 2020

O club vigués confirmou este domingo a incorporación do dianteiro, un do futbolistas que finalizaban contrato o pasado 30 de xuño co club granate. "Vivín momentos que non esquecerei nunca e lévome grandes amigos", asegura Rivera na súa despedida de Pasarón

Rivera durante un adestramento co Pontevedra Cristina Saiz

Terceiro movemento en forma de saída no Pontevedra Club de Fútbol, polo menos de maneira oficial, aínda que tal e como sucedeu primeiro co fin da cesión de Jaouad e a saída despois do gardameta Brian Jaén a confirmación oficial non chegase desde o club granate.

José Rivera fichou por un dos rivais dos de Pasarón na Segunda B, o Coruxo, tal e como confirmou o club vigués a última hora deste domingo anunciando a súa contratación xunto coa do centrocampista ofensivo Chevi, procedente do Internacional de Madrid.

O dianteiro, que chegara á casa granate en idade xuvenil, era un dos futbolistas que terminou a súa relación contractual co Pontevedra o pasado 30 de xuño. No seu caso fíxoo tras protagonizar un tira e afrouxa no mercado invernal no que estivo a un paso do Arosa, pero a súa negativa para renovar imposibilitou o acordo, polo que agora esa marcha prodúcese libre.

"Grazas Pontevedra por estes tres anos, vivín momentos que non esquecerei nunca e lévome grandes amigos de aquí. Deséxovos a mellor das sortes", escribiu o propio Rivera nas súas redes sociais tras confirmase o acordo co club do Vao.

Tamén o Coruxo deulle a benvida ao seu novo xogador asegurando que "o teu traballo será o noso orgullo, a túa suor dará valor aos teus goles, e os goles serán o teu premio".

A piques de cumprir 21 anos Rivera apenas contou con oportunidades no Pontevedra nas dúas últimas tempadas, nas que fixo a súa aparición no primeiro equipo. Así gozou de só 98 minutos en liga repartidos en 7 encontros, tempo suficiente para marcar dous goles de gran recordo para a afección granate pola súa importancia, ao valer o triunfo nos últimos minutos na 18/19 contra o Guijuelo mantendo viva a esperanza de xogar o play-off e na campaña recentemente finalizada en Barreiro ante o Celta  B, certificando un triunfo vital para o equipo tras un irregular inicio de liga.