A localidade eslovaca de Samorin será escenario o vindeiro domingo 21 de agosto do Campionato do Mundo de Tríatlon de Longa Distancia, e alí estará Pablo Dapena na que pode cualificarse como a súa competición fetiche.
O triatleta pontevedrés, ouro mundialista en 2018 e prata en 2019 na carreira celebrada na Boa Vila, parte entre a terna de favoritos ao podio en Eslovaquia.
Como rivais aparecen nomes como Frederic Funk, Maurice Clavel, Thomas Steger, Florian Angert ou Pierre Le Corre, entre outros, nunha carreira que se disputará baixo o formato de 100 quilómetros, con 2.000 metros de natación, 80 quilómetros de ciclismo e 20 quilómetros de carreira a pé.
Dapena chega ao Mundial nunha tempada na que se viu obrigado a comezar máis tarde do habitual pero na que sumou un triunfo no Challenge Gdansk e un bronce no Europeo Ironman 70.3.
Iso si, o campión pontevedrés segue a estar perseguido pola mala sorte nas súas viaxes, xa que se no seu desprazamento ao PTO de Canadá a compañía aérea Air Canadá rompeu o guiador da súa bicicleta e unha roda lentiucular, en Eslovaquia Pablo Dapena aterrou sen maleta e sen a propia bicicleta, aínda que asegura nesta ocasión non estar preocupado e convencido de que o seu material chegará a tempo para a competición.