Foi unha das incógnitas no Pontevedra desde a súa sanción, polas dúbidas que ofrecía a resolución e o código disciplinario, pero finalmente Charles si xogará o encontro de Copa do Rei que este xoves 17 (20.00 horas) enfrontará os granates co Cartagena da Segunda División.
O atacante brasileiro foi castigado con dous encontros de suspensión pola súa expulsión fronte ao Deportivo, nunha acción co xogo parado que poñía en dúbida se se trataba dunha infracción leve ou grave. Ese matiz resulta decisivo, xa que de ser grave o castigo afectaría á Copa. Con todo tras realizar a pertinente consulta, Charles deberá cumprir a súa sanción só en liga, polo que o seu segundo encontro fóra será a primeira xornada de 2021 fronte ao Guijuelo.
Coa dúbida despexada, Jesús Ramos contará co dianteiro e dez homes máis para facer fronte a un Cartagena en crise, xa que se plantará na cidade do Lérez tras acumular seis derrotas no seu últimos oito encontros e co seu técnico Borja Jímenez empezando a estar cuestionado.
O Pontevedra sairá a por todas, sen especular, contando ao seu favor o feito de xogar no seu estadio en eliminatoria a partido único e co apoio de 500 afeccionados, o máximo permitido na cidade co actual nivel de restricións pola Covid. Puxéronse neste caso entradas de venda ao público a un prezo de 20 euros.
O adestrador granate non poderá contar para a cita cos lesionados Romay, recentemente operado do seu xeonllo, e Adrián Cruz, cuxa doenza no abdutor faralle descansar pensando en recuperarse para a liga.
No Cartagena pola súa banda a previsión é que Borja Jiménez introduza rotacións dando minutos aos futbolistas menos habituais en liga fóra de Cordero, sancionado en Copa.
DÍA GRANDE EN RIBADUMIA
Unha hora antes de iniciarse o duelo en Pontevedra, outro equipo da comarca saltará ao terreo de xogo para vivir unha xornada histórica. Trátase do Club Deportivo Ribadumia, que ás 19.00 horas recibirá a todo unha Primeira División como o Cádiz no campo da Senra.
A cita chega nun momento doce para os aurinegros, tras dúas vitorias e un empate en liga, este último no campo do líder Arosa. Por iso, e sen nada que perder, sairán sen complexos a tentar complicar a un rival que chega ferido tras a súa derrota do luns en Vigo.
Precisamente ao encadear o seu desprazamento a Balaídos coa cita copeira, os amarelos comparecerán coa maioría de xogadores do primeiro plantel, aínda que se esperan rotacións.
O Ribadumia vendeu para a primeira rolda de Copa un total de 310 entradas, o total das dispoñibles.