Confitería Solla, 56 anos adozando as festas da Peregrina
Foi un domingo da Peregrina de 1967 cando Carmen Domínguez e Ernesto Solla, pasteleiro con longo oficio formado en obradoiros tan afamados como Los Castellanos, abrían as portas de Confitería Solla na rúa Michelena, 7, de Pontevedra. Ese mesmo día xa se formaron longas colas de clientes que querían probar os exquisitos pasteis artesáns que a día de hoxe seguen mantendo as fórmulas orixinais.
A data tan sinalada e o feito de que a igrexa da Peregrina estea a poucos pasos da pastelería, confiren un significado especial para a familia Solla. "O meu pai era moi devoto da Virxe, sempre lle levaba un ramo de flores o sábado da Peregrina", comenta Mayka Solla Domínguez, a propietaria do obradoiro tras o falecemento de seu pai en 2018. Con todo, a familia Solla apenas podía celebrar as festas, porque eran días de moito traballo e "se non acababan moi cansos, ao final podían levarnos ao meu irmán e a min ás barracas da Alameda".
A pesar de ser unha época na que "os pais traballaban moitísimo", a relación de Mayka Solla coas Festas da Peregrina segue sendo moi especial. Lembra que de nena lle encantaba que a vestisen de galega e mentres "os meus pais estaban aquí traballando, eu ía soa co meu ramiño á ofrenda floral da Peregrina, para min é un recordo moi bonito, e ségueo sendo".
Tanto é así que Confitería Solla preparou un escaparate especial no que abundan os motivos relacionados cos peregrinos, dos que a Virxe é a patroa.
"Puxen unha decoración que teña que ver coas cunchas, que teñen moito significado coa Peregrina. Os bombóns de cuncha feitos artesanalmente en Galicia, que están aromatizados a café e gústanlle moito aos turistas, témolos a granel e en caixiñas. Puxen as queimadas individuais de Berrimes, unha marca artesá galega, que tamén é algo novo, veñen cos seus grans de café, a monda de laranxa…, ata traen a culleriña e un código QR cun vídeo para ver como acendela. Tentei poñer cousas que representen un pouco o galego e todo o relacionado cos peregrinos e a Virxe Peregrina. Tamén puxen as especialidades da casa, como son as minitartas de Santiago, que teñen que ver coas peregrinacións. Incluso o chan do escaparate está forrado cun papel que encarguei con motivos de cunchas", explica Mayka Solla.
Nesta decoración destaca o cadro que o artista pontevedrés Celso Varela pintou o pasado mes de xuño, cando ao seu regreso de expoñer no Instituto Cervantes de Roma decidiu sacar os pinceis á rúa. "Coñézoo persoalmente, é un artista excepcional, acordeime de que ao pintar a rúa incluíra o escaparate e o rótulo de Solla, pedinlle o cadro e cedeume outros dous máis pequenos que temos dentro da tenda e que chaman moito a atención".
CLIENTELA DE TODA A VIDA
Aínda que Mayka Solla recoñece que as comidas en familia na Peregrina como se facían outrora perdéronse, a Semana Grande é un período que segue sendo de moita actividade na tenda. Manteñen unha clientela fiel de Pontevedra, á que se suma aqueles pontevedreses que viven fóra e regresan á cidade nestas datas. "Nótase moita xente que é de aquí pero vive fóra, porque che comentan cousas como: eu de neno compraba aquí, segue cheirando igual, grazas por seguir..., e iso para nós é unha satisfacción, de saber que estamos a facer ben as cousas".
Neste punto, Mayka insiste en destacar "o agarimo e agradecemento que sentimos cara aos nosos clientes pontevedreses" e a emoción de que "se sintan orgullosos de ter unha pastelería así en Pontevedra".
Os turistas tamén se converteron en clientes importantes nos meses de verán. "Ata hai unha guía que sempre se para aquí coas excursións. Nótase que hai moitos máis turistas, e co tríatlon eu creo que tamén se vai a notar máis, porque se move moita xente de moitos países".
Confesa Mayka Solla que lle encanta atender a xente de fóra porque descobre a súa sorpresa ao ver tanta variedade de pasteis co lema "Especialidade da casa". Explica Solla que "preguntan por todos os nomes, chámanlles a atención porque son pasteis tradicionais que non coñecían, preguntan polos ingredientes e o porqué do nome".
Por que pastel preguntan máis os turistas? "Polos xesuítas, e eu explícolles que teñen forma de pico pola carapucha en punta que levaban os xesuítas na túnica". É unha teoría, porque cada nome de pastel esconde moitas historias que se foron alimentando co paso dos anos. "Moitos pasteis tradicionais especialidade da casa teñen nomes relixiosos, como o tocinillo de ceo, as glorias, as relixiosas ou os xesuítas. Supoño que será porque as monxas sempre fixeron moitos pasteis", conclúe Mayka Solla cun sorriso.
ESPECIALIDADES DA CASA
Para estes días de celebración, en Confitería Solla pódese atopar unha ampla variedade de pasteis "Especialidade da casa".
Sen esquecernos do delicioso keike, "que é o 'plum cake' inglés pero galeguizando a palabra, é un biscoito tradicional de Galicia que ten moito éxito, está moi bo", e as pastas, que a propietaria da tenda recoñece que é o "produto estrela entre os pontevedreses e con moito tirón tamén entre os turistas".
E os que prefiran salgado, tamén as empanadas de Solla teñen moita acollida. "Temos as de masa normal e follado, que esta a facemos máis ben por encargo, de tres ingredientes: bonito, bacallau con pasas, que é moi galega, e a de lombo, que é a que ten máis éxito".