Marea Pontevedra insiste en Cerponzóns en paralizar as obras da A-57 e rescatar a AP-9
Por Redacción
Nun novo encontro veciñal, esta vez na parroquia de Cerponzóns, a candidatura de Marea Pontevedra insistiu no seu compromiso de poñer os servizos xurídicos do Concello a disposición das persoas afectadas polo trazado e de traballar, desde o goberno de Pontevedra, para paralizar o que sería "unha das maiores catástrofes ambientais para Pontevedra e para Galicia".
"A autovía A-57 non é unha circunvalación, é unha autoestrada que vai paralela á AP-9 desde A Coruña ata o Porriño", indicaron. Segundo Marea Pontevedra o custe da obra é maior que o que custaría rescatar a concesión da Autoestrada do Atlántico e liberala da súa "abusiva peaxe". Ademais, engadiron, "en Pontevedra ataca directamente á calidade de vida das persoas, dividindo os seus lugares de residencia e levando por diante numerosas vivendas e fincas".
Ademais deste compromiso, o equipo que encabeza Luís Rei asegura que tamén promoverá "desde o goberno local" unha serie de demandas veciñais incluídas no programa, "despois do contacto directo coa veciñanza nestes últimos catro anos", como son: xestionar en colaboración con Augas de Galicia a limpeza das marxes do Río Rons e esixir un axeitado respecto aos seus caudais ecolóxicos.
Tamén solicitarán a xestión do tramo da antiga estrada de Santiago, en Cerponzóns, para restaurar a Ponte Malvar e poñela en valor.
Otras propostas para esta parroquia de Cerponzóns son asfaltar e mellorar a pista de Casaldorado a O Bravo e a Costa, dotar dun aparcadoiro ao centro social de Pidre e negociar con Fomento melloras de mobilidade na estrada N-550 que inclúan a construción de rotondas, de beirarrúas e algunha zona de paso con semáforo.