Cidadáns propón habilitar pisos de acollida para mulleres maltratadas

Por Redacción
O programa electoral de Cidadáns Pontevedra para as eleccións municipais inclúe a creación no municipio de pisos de acollida para mulleres vítimas de malos tratos.
Esta proposta, incluída na área de muller e igualdade o programa de Cidadáns, é xa unha demanda exposta previamente polo partido. A concelleira María Rey, número dous da candidatura ás eleccións municipais, demandáralle ao goberno local do BNG, a través dunha emenda aos orzamentos que crease ese recurso, pero desde a formación laranxa indican que "recibimos unha negativa reiterada".
O número un da lista de Cs Pontevedra ás municipais, Goyo Revenga, que este venres realizou un 'paseo cidadán' polo mercado de abastos da cidade acompañado por número tres da candidatura, Marga Soliño, explicou que a proposta en relación coas vítimas de malos tratos inclúe a habilitación dun centro de acollida para casos de urxencia.
Entre otras cuestións, promoven unha posterior rede de pisos tutelados nos que as vítimas poidan recibir atención e comezar a refacer a súa vida.
Ademais de realizar a súa proposta, desde Cidadáns critican a política neste sentido realizada polo BNG, pois consideran que é "inconcibible" que non habilitase en vinte anos un centro de acollida de titularidade municipal para a atención ás mulleres que sofren malos tratos. É, segundo criticou, "unha mostra máis da súa nula actuación en asuntos sociais" e motiva que as vítimas teñan que desprazarse a centros de Vigo ou Ourense.
O programa de Cidadáns tamén recolle a elaboración dun Plan Municipal de Loita contra a Violencia de Xénero, outra iniciativa da formación laranxa neste pasado mandato que, a pesar de aprobarse en pleno, "caeu no saco roto no que o BNG garda todas as mocións da oposición".
A formación laranxa aposta tamén pola reforma do actual Plan Municipal de Igualdade e quere impulsar a igualdade efectiva das persoas LGTBI.
Relacionadas:
-
O PP e o PSOE discrepan sobre as casas de acollida para mulleres vítimas de violencia machista
Por Oskar Viéitez |
-
"Sen transporte urbano Pontevedra está abocada a morrer por compracencia, inanición e falta de oportunidades"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Cidadáns propón catro parques caninos en Pontevedra
Por Redacción |
-
Cidadáns quere impulsar programas municipais de reforzo escolar, mellora de inglés e desenvolvemento tecnolóxico
Por Redacción |
-
Cidadáns traslada o seu apoio a ENCE pero esixirán que devolva a Pontevedra parte dos seus beneficios
Por Redacción |
-
Cidadáns aposta por Pontevedra como cidade cardioprotexida
Por Redacción |