O BNG de Marín anuncia a súa aposta por un transporte público entre o casco urbano e o Lago de Castiñeiras
Por Oskar Viéitez
O BNG marinense expresou nun acto no Lago de Castiñeiras a súa aposta por un programa de Medio Ambiente "amplo e comprometido".
A alcaldable nacionalista, Pilar Blanco, mostrou o apoio "sen reservas" ao proxecto que a Fundación Lago de Castiñeiras-Cotorredondo, formada por comunidades de montes de Marín e Vilaboa, ten para crear un xardín botánico e un arboreto neste lugar, ademais de protexelo e potenciar o seu aproveitamento social.
Como complemento, os nacionalistas consideran necesario "un servizo de transporte público ao Lago para facilitar o acceso a todos os veciños e visitantes que o desexen", así como recuperar os asadoiros "para que este contorno volva ser un gran centro de reunión de familias durante o seu tempo de lecer, co que acabou o PP polo abandono do espazo".
O Bloque aposta por un programa educativo medioambiental estable, que incluirá obradoiros e campamentos, do mesmo xeito, quere ampliar a rede de compostaxe a domicilio "iniciada no anterior mandato e que o PP se encargou de paralizar, ao que sumaremos a recuperación das axudas á Protectora de Animais que Ramallo retirou para pagarlle a unha empresa privada", engadiu a candidata.