O video de campaña de Tino Fernández non ten "debuxiños"
Por Mónica Patxot
O candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Pontevedra, Agustín Fernández González, compareceu este sábado, acompañado de membros da súa lista, para presentar o vídeo de campaña dos socialistas pontevedreses. Unha peza de medio minuto na que unha ducia de veciños comprometidos coa ideoloxía socialista piden o voto aos pontevedreses.
A presentación celebrouse diante dunha das pantallas publicitarias existentes na cidade, nas que se emitirá durante toda a campaña electoral, e en presenza dun grupo de simpatizantes.
Tino Fernández declarou que o Partido Socialista aposta por unha campaña limpa, centrada na xente e nos seus problemas cotiáns. "Por ese motivo vídeo presenta a coñecidos pontevedreses, militantes activos, que dan a cara e non se agochan detrás de ‘debuxiños’ nin pintan unha fantasía idílica de bos e malos".
O candidato do PSdeG-PSOE destacou que, por contra, o candidato do BNG "opta por caricaturizar aos seus opoñentes políticos e presentarse como un fantasioso heroe de papel ao tempo que non dubida en ocultar as súas siglas". "A falta de programa electoral e de ideas, optaron por contarnos un conto que pinta a Pontevedra como unha aldea", lamentou.
Tino Fernández aproveitou para denunciar publicamente que o BNG está a "utilizar medios públicos na propia Casa do Concello para o reparto dese comic", un feito que cualificou como "vergoñento, tramposo e asqueroso". Engadiu que agarda que ese comportamento "cese inmediatamente, porque os cidadáns son intelixentes e saben tomar nota".
"A ningún socialista se nos pasou nunca pola cabeza facer unha falcatruada semellante", afirmou. "Xa supoño que dirían de nós se facemos un tebeo de cachondeo como o do BNG, e máis se se nos ocorre repartilo covardemente en instalacións municipais". O candidato concluíu que ten información contrastada por parte de cidadáns que presenciaron ese reparto e retou a Lores a atreverse a desmentilo.