Richard Bona, Jeff Cascaro ou Rick Estrin & The Nightcats, no trinta aniversario do Festival de Jazz e Blues
Por Redacción
Trinta anos cumprirá este 2024 o Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra e farao cunha edición que, sen dúbida, estará á altura da ocasión. Seis serán os artistas que actuarán na Praza da Ferrería os días previos ás Festas da Peregrina, do 5 ao 9 de agosto.
Haberá cinco noites de jazz nesta edición, na que participarán grandes estrelas internacionais como Richard Bona, Jeff Cascaro e Rick Estrin & the Nightcats, que compartirán escenario cos galegos Iago Banet, Antilia e Sempasúchil, liderada por Ton Risco.
O festival arrancará o luns 5 de agosto, ás 22:30 horas (horario de todos os concertos), cunha sesión dobre con Iago Banet e os pontevedreses Antilia.
Iago Banet, músico galego residente en Londres, é coñecido polo seu 'fingerstyle guitar'. Toca baixos, acordes e melodías ao mesmo tempo, dando a impresión de haber máis dun artista sobre o escenario. Presentará en Pontevedra o seu terceiro disco en solitario, Tres (2023).
Antilia, pola súa banda, é un binomio de música viva. É o resultado da suma dos acordes elegantes, máxicos e complexos da guitarra de José Churruca co canto exquisito, intelixente e sutil de María Costas, que conflúen nun directo cheo de swing, arte e oficio.
O martes 6 actuará no festival Sempasúchil, unha banda formada polo vibrafonista Ton Risco, a guitarra de Antonio Casado, o contrabaixo de Alfonso Calvo e a batería de Miguel Cabana que aposta por tocar un jazz máis accesible e inspirado desde unha óptica pop.
Rick Estrin & the Nightcats será, o mércores 7, a primeira das actuacións internacionais desta edición. Esta banda estadounidense de blues eléctrico, liderada polo cantante e armonicista Rick Estrin, exhibirá o seu blues moderno, enérxico e versátil no que, segundo os críticos é un dos mellores shows da escena actual.
Tras eles chegará, o xoves 8, o cantante e trompetista alemán Jeff Cascaro, que leva máis de dúas décadas emocionando ao público de todo o mundo cunha proposta musical moi persoal, combinando o jazz co soul e o blues. Popularizou como ninguén o soul-jazz, aínda que nos últimos tempos decidiu profundar no jazz máis clásico, sendo fiel ás súas raíces.
O broche de ouro poñerao o camerunés Richard Bona. Actuará no festival pontevedrés o venres 9. É un dos baixistas máis talentosos do mundo. Co seu son único e o seu don vocal representa continuamente as súas orixes africanas. A súa música, unha proposta de jazz e afropop, aborda as tradicións, a cultura, a beleza e os problemas do seu continente.
Como é habitual, todos os concertos do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra son con entrada gratuíta e celebraranse na Praza da Ferrería.
Relacionadas:
-
O Festival de Jazz, "un patrimonio de todos os pontevedreses"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O PP traslada a súa "absoluta decepción" cos concertos do verán en Pontevedra, que ven "á cola" de Galicia
Por Redacción |
-
Pontevedra, ante un "verán que non para" con preto de catrocentas actividades festivas nas súas Festas de Verán
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |