Un novo céspede artificial en Chan da Barcia cunha "drenaxe especial" para soportar futuras crecidas do Verdugo
![Diego](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/5df/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/570532d2ea-20160329-patxot-diego-espino-1009.jpg)
Por Diego Espiño
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/8e9/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/654a02b3d2-399155851_1102285057810756_6135803154821605422_n.jpg)
© Concello de Ponte Caldelas
Sen tempo que perder, o Concello de Ponte Caldelas iniciou o procedemento para sacar a licitación a reparación do campo de fútbol de Chan da Barcia, esnaquizado a fin de semana polo desbordamento do río Verdugo.
Esa actuación supoñerá a instalación dun novo céspede artificial, tras comprobar este luns cunha empresa especializada desprazada desde Valencia que a herba danada no temporal non se pode estirar "porque rompe", confirmou o alcalde do municipio, Andrés Díaz.
O rexedor avanzou que a intención é instalar un novo tapete "cunha drenaxe especial para tratar de soportar futuras crecidas", porque "somos realistas e temos claro que haberá máis".
As obras, sinalou Díaz, serán afrontadas canto antes a través dunha operación de crédito con fondos propios do Concello.
Así llo explicou nunha reunión aos representantes da SCD Ponte Caldelas, club que xestiona a escola municipal de fútbol, que en 2024 cumprirá 50 anos de vida e para o que o alcalde pediu a colaboración dos veciños e empresas co obxectivo de axudar a mantelo vivo nun momento de máxima dificultade, ao multiplicarse os seus gastos co desprazamento de todos os seus equipos.
"É historia vivia de Ponte Caldelas e agora, máis que nunca, necesitra da nosa axuda", afirmou o alcalde avanzando que nos próximos días darase a coñecer unha acción de micromecenado para colaborar economicamente coa entidade deportiva.