A 'Marea Granate' prepara o seu desembarco en Zamora
Por Redacción
O encontro do próximo domingo 15 de outubro (18.00 horas) no Estadio Ruta de la Plata é unha data marcada en vermello no calendario do Pontevedra Club de Fútbol, e é que o equipo granate, que ascendeu ao segundo posto da táboa, visita o campo do líder Zamora.
Será un duelo de altos voos, e por iso a 'Marea Granate' quere estar presente para axudar os seus futbolistas a conseguir un resultado positivo.
O club pontevedrés anunciou a organización dun desprazamento en autobús para os seus seguidores sempre que logre un mínimo de 40 reservas.
A viaxe, entrada incluída, terá un custo de 40 euros, partindo o mesmo domingo ás 9.00 horas desde o Pavillón Municipal dos Deportes para regresar á Boa Vila ao termo do choque.
As reservas poden formalizarse ata as 12.00 horas do venres nas oficinas do Estadio Municipal de Pasarón.
A este desprazamento únese a posibilidade de viaxar a Zamora en coche, a aproximadamente 4 horas de distancia, para o que é posible adquirir entradas para o partido na páxina web do Zamora, así como no propio estadio, a un prezo de 9 euros nos fondos, 12 euros en Preferencia e 15 euros en Tribuna.