Dous goles de Carnero e David Feito permiten o Pontevedra dobregar (2-0) un frouxo Grixoa en Pasarón
Por Ramiro Espiño
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Despois de 22 xornadas disputadas, e a expensas da conclusión do partido suspendido entre Somozas e Cerceda, o Pontevedra mete a cabeza por primeira vez na tempada nas catro primeiras prazas que dan dereito a xogar a fase de ascenso á Segunda División B. O último da categoría non intimidou en ningún momento os homes de Manu Fernández que, a pesar de non asinar un bo partido, lograron que os tres puntos quedasen na casa.
Cun xogo pouco brillante, o Pontevedra aproveitou as súas oportunidades. O 1-0 chegaba moi pronto, no minuto 13 de partido. Ata entón non pasara nada e o xogo discorría lento, canso, aburrido, ao ritmo que lle conviña ao conxunto santiagués. Pero o Pontevedra moveu o balón con criterio, de lado a lado do campo, dende Adrián, pasando por David García a David Pérez. Por detrás apareceu David Feito que puxo un centro medido e perfecto, para que Pablo Carnero se anticipase a Adrián Padrón, peiteando de cabeza o balón e batendo ao meta Brais.
Logo nada. Máis sesta. Dominio tan cómodo como estéril dun Pontevedra que xogaba con tanta comodidade como falta de intensidade fronte a un rival que non lle esixía o máis mínimo, limitándose a esperar unha oportunidade nun despiste ou un contragolpe que non chegou.
Así se consumiu unha primeira parte na que os granates foron moi superiores, chegando ben por banda, pero sen acerto para culminar esas chegadas. Mentres, o Grixoa apenas nunha oportunidade moi tímida se atreveu a pisar a área local.
O segundo tempo comezou con parecida posta en escena. O Pontevedra sentenciou o partido moi pronto grazas a un infantil penalti que cometía Pintado sobre David Pérez no minuto 56. O xogador granate, que tiña en balón nos pés, foi arrastrado claramente polo defensa do Grixoa. O árbitro non o dubidou. Tan clara foi a pena máxima que ninguén protestou o penalti. David Feito facía o 2-0, enganando no seu lanzamento a Brais.
Co segundo gol o Grixoa rematou de renderse. O seu canto do Cisne deuno no único disparo entre os tres paus que puido realizar durante todo o partido. Foi a través do exgranate Buba, que se aproveitou dunha cesión curta de Javi Otero cara a Yago Vázquez, pero o seu remate raso e frouxo o detivo Edu sen problemas.
Quedaba unicamente tempo para outra boa xogada, a mellor do partido e case a única xunto coa do primeiro gol, que tería como protagonistas a Adrián, cun centro que Javi Otero rematou acrobaticamente cunha vistosa chilena que sairía fóra por pouco.
Tempo tamén para a reaparición de Fran Fandiño e Tubo, tras as longas lesións que lles apartaron do equipo durante meses. E tempo para celebrar unha vitoria sen brillo, pero merecida fronte a un rival con moi limitados argumentos futbolísticos.
PONTEVEDRA CF (2): Edu (1); Adrián (2), Yago Vázquez (1), Miguel (2), David Feito (2); David García (2); Javi Otero (2), Pablo Lede (2), Moreira (1), David Pérez (1); e Pablo Carnero (2).
Substitucións: Kevin Presa (1) por David García, minuto 68. Fran Fandiño (1) por Moreira, minuto 73. Tubo (1) por Javi Otero, minuto 76.
SD GRIXOA (0): Brais (1); Pintado (1), Adrián Padrón (2), Cholo (2), Dani Conde (1); Guille (1); Calderón (1), Santi (1), Mon (2), David Nogueira (1); e Buba (1).
Substitucións: Brais Calvo (1) por Calderón, minuto 46. Diego Peña (1) por Pintado, minuto 62. Dani Moto (1) por Guille, minuto 62.
Árbitro: Héctor Castiñeiras (A Coruña), auxiliado nas bandas por Luis Taboada e Daniel Rama. Amoestaron a Adrián e David García, no Pontevedra, e a Guille, no Grixoa.
Goles: (1-0) Minuto 13: Pablo Carnero. (2-0) Minuto 57: David Feito, de penalti.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Uns 1.200 espectadores.
VESTIARIOS:
JAVIER OREIRO: O técnico compostelán analizou con obxectividade o partido, recoñecendo que o seu equipo non tivera opcións: "Foi un partido no que cando non pasaba practicamente nada na primeira parte, o controlabamos perfectamente, sen un ritmo alto de xogo, o Pontevedra foi capaz de meter ese primeiro gol que cambiou todo. Nós estivemos ben posicionados defensivamente, pero faltounos a segunda parte do xogo, é dicir, chegar e finalizar xogadas. O Pontevedra estivo cómodo e tampouco o sometemos a un grande esforzo nin lle creamos demasiados problemas. Fomos un equipo correcto, pero con iso non chega para puntuar en Pasarón. Somos un equipo moi novo e iso nótase. Co segundo gol de penalti, un penalti inxenuo, non os obrigamos a facer grandes esforzos nin a xogar cunha esixencia alta. Pero insisto, fomos un equipo correcto, ata gracioso, porque non fixemos case faltas, demos unha boa imaxe pero no fútbol fan falta outras cousas e esas custan diñeiro. Pasarón son palabras maiores e para algúns futbolistas xogar aquí pesa".
Manu Fernández: "A min o partido non me gustou demasiado, especialmente ao final, pero fomos bastante superiores"
MANU FERNÁNDEZ: Contento polo resultado, pero non polo xogo desenvolvido, así estaba o adestrador granate: "A min o partido non me gustou demasiado, especialmente ao final. Xogamos demasiado cómodos e houbo situacións na que ese exceso de comodidade, de confianza, puidéronnos custar algún gol. ÿ verdade que en liñas xerais fomos bastante superiores e dominamos o partido. Estivemos moito mellor na primeira parte en canto a xogo combinativo, pero ao final gañamos, que é o importante. O penalti foi claro, polo menos dende a miña posición así pareceumo e eles tampouco protestárono. Co 2-0 viuse que o partido se rematou e por iso aproveitei para darlle minutos a homes que os necesitan como Fran e Tubo, despois de tanto tempo sen xogar".