O poiense Raúl Casalderrey, o mellor do Froiz no Campionato de España cun sétimo posto
Por Almu Dapena
O Real Mosteiro de San Lorenzo del Escorial foi escenario esta semana da saída e meta do Campionato de España de ciclismo, na que participaron os ciclistas do Froiz Raúl Casalderrey, Álvaro Navas, Andrés Taboada, Miguel Rodríguez, Alejandro Luna, Daniel Jiménez, Aitor Bugarín, Alejandro Gómiz, Miguel Juan, Edgar Clemente e Fernando Santos.
O campionato arrincou o venres coas probas de contrarreloxo individual con Raúl Casalderrey (Galicia) e Álvaro Luna (Madrid) como representantes da escuadra alimenticia.
A calor destacou durante toda a xornada, na que o vixente campión autonómico, o poiense Casalderrey, mellorou a súa novena praza do 2022 cun sétimo posto e un crono de 40:22.63, quedándose a un minuto e dous segundos do podio. Pola súa banda, Álvaro Navas finalizou en posición 22 cun tempo de 43:58.23.
O sábado chegou a quenda da proba de fondo sub23, que tivo un percorrido de 166 quilómetros e 2.940 metros de desnivel e numerosa presenza do Froiz cun total de cinco ciclistas.
Nesta ocasión, o galego da escuadra alimenticia que mellor resultado obtivo foi Andrés Taboada en 19 posición e un tempo de 4:09:47. Raúl Casalderrey, cruzou a meta en posto 25 e un crono de 4:10:35, mentres que Manuel Rodríguez parou o reloxo en 4:18:51 e 34 posición.
Na Selección madrileña, o combinado pontevedrés estivo representado por Daniel Jiménez, que chegou en posición 27 (4:10:54) e Alejandro Luna, que foi 46 (4:19:00).
Finalizou o Campionato de España coa proba de fondo elite e profesional de 186 quilómetros e 3.150 metros de desnivel na que tomaron a liña de saída Aitor Bugarín, Alejandro Gómiz, Miguel Juan, Fernando Santos e Edgar Clemente, sendo este último o mellor do Froiz finalizando en posición 46 e un tempo de 4:17:41.