O Campionato Galego de Tiro con Arco xuntará 180 participantes en Pontevedra
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Un total de 180 arqueiros participarán no Campionato Galego de Tiro con Arco en Sala, que o Recinto Feiral de Pontevedra acollerá este domingo. Unha competición realmente espectacular na que haberá unha liña de tiro mesmo máis grande que a do último Campionato de España.
O evento foi presentado este miércoles polo concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, xunto co presidente da Federación Galega, Jorge Mato; o presidente do comité de árbitros, Luis Vera; a presidenta do club organizador, Arco Teucro, Mercedes Gulín, e a responsable da Escola de Tecnificación e varias veces campioa de España, Magdalena Beltrán.
Agustín Fernández lembrou o recente Campionato de España ao Aire Libre, celebrado no Casino Mercantil e Industrial, e destacou o impacto socioeconómico que este novo Campionato Galego vai supor nesta próxima fin de semana.
Jorge Mato recalcou que a temporada de tiro en sala vai de outubro a febreiro, polo que estamos no mellor momento para esta competición. Explicou que todos os arqueiros tirarán a 18 metros de distancia, agás nas categorías de base, nas que se fará a 12 metros.
Os 10 puntos só se acadan acertando a un branco do tamaño dunha moeda de euro dende unha distancia de 18 metros
O presidente, que agradeceu os esforzos do club Teucro e o Concello de Pontevedra, destacou a dificultade de organizar un campionato destas características, tanto polo número de tiradores como pola variedade de arcos. Todo isto obriga a manexar tamén diferentes tipos de diana. Nas probas máis esixentes, detallou, os 10 puntos só se acadan acertando a un branco do tamaño dunha moeda de euro.
A competición comeza ás 10 horas, pero as eliminatorias teñen lugar pola tarde. A partir das 18.00 horas, as finais. O remate está previsto para as 19.00 horas.
O Campionato cubrirá todas categorías de idade e tamén as distintas especialidades: arco recurvo (olímpico), arco composto (poleas), arco tradicional e arco nu. Por este motivo, estrutúrase en tres campionatos simultáneos, do que o máis significativo é o XXVI Campionato Galego, sobre as categorías veteranos, sénior e junior. Ao tempo haberá o VI Campionato de arco tradicional (sen distinción por idades) e, finalmente, o XV Campionato para as categorías base (esquío, alevín, benxamín, infantil e cadete).