Antía Jácome volveo facer: Terceira medalla na Copa do Mundo de Szeged cunha prata na distancia olímpica de C-2 500 metros
Por Diego Espiño
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A Real Federación Española de Piragüismo apostou forte hai meses na canoa feminina ao xuntar ás dous mellores especialistas da Selección Española, a pontevedresa Antía Jácome e a madrileña María Corbera, nun mesmo barco pensando nos Xogos Olímpicos de París 2024.
Os resultados empezan a darlles a razón, e é que Jácome e Corbera renderon a un nivel sobresaliente na Copa do Mundo de Szged, Hungría.
Xuntas lograron o venres un ouro no C-1 200, non olímpico, e Jácome ademais subía ao poio en C-1 200 metros cun bronce, distancia esa si incluída no programa de París 2024.
A guinda chegou este sábado na terceira xornada de competición en Hungría e outra das probas olímpicas, en C-2 500 metros, no que Antía Jácome e María Corbera volveron a subir ao caixón, esta vez cunha meritoria medalla de prata que lles supón ademais obter a clasificación para o Mundial, cita que repartirá os primeiros billetes para os Xogos.
O dúo español foi segundo cun tempo de 2:02.23, a só 0.89 segundos da parella vencedora, a composta polas chinesas Shixiao Xu e Mengya Sun (2:01.34). O bronce foi para o equipo canadense.
É a terceira medalla en Szeged para Antía Jácome, que se marcha de Hungría reforzada dentro da folla de roteiro marcado para buscar a clasificación olímpica.
MANUEL FONTÁN E PABLO GRAÑA, Á FINAL B DO C-2 500
Xa pola tarde, a xornada en Hungría completárona por unha banda Manuel Fontán e Pablo Graña no C-2 500 metros, avanzando nas series eliminatorias ata as semifinais, nas que o seu quinto posto deixoulles a 1 segundo de entrar na final da competición, tendo que conformarse coa Final B.
Pola súa banda Carolina García, prata o venres no K-4, non puido repetir sorte no K-2 500 metros xunto a Sara Ouzande, ao non poder pasar de sérielas eliminatorias.