Protagonismo da Gimnástica no ránking de marcas 2013 da Federación Española de atletismo
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Parece doado pero é moi complicado estar nos primeiros postos do ranking nacional cada ano. A pesar diso a Gimnástica volveuno conseguir e no ranking nacional absoluto da Federación Española de atletismo de 2013, encontramos entre as 10 mellores posicións das súas respectivas probas, 17 atletas da Sociedade Gimnástica.
O mellor é Ignacio Sarmiento, coa segunda mellor marca do ano nos 400 metros valos. Alfonso Palomanes aparece como cuarto clasificado no triplo salto, o mesmo que Víctor Gallego no lanzamento de disco, sendo ademais décimo no lanzamento de peso.
No quinto posto hai varios atletas. Alberto Salcedo no dobre hectómetro, ocupando tamén o décimo posto no hectómetro, Julián Ortiz nos 110 metros valos, Marc Tur nos 5.000 metros marcha en ruta, e a sorpresa do relevo 4 x 400, nunha posición xamais soñada para un equipo de relevo da veterana Sociedade pontevedresa.
Os marchadores Marc Tur, Álex Florez e Eva Iglesias están entre os 10 primeiros nas diferentes distancias da especialidade. Marc, ademais do mencionado quinto posto nos 5.000 metros, está sexto nos 10 quilómetros en pista, sétimo nos 5.000 metros en pista e noveno nos 20 quilómetros. Álex Florez é noveno os 5.000 metros en pista e Eva Iglesias é sétima nas distáncias de 20 km. e 10 km. en ruta. Indicar tamén que ata o vixésimo clasificado do ranking absoluto se encontran outros trece atletas da Gimnástica.
Nas categorías inferiores a Gimnástica ten algunhas posicións de luxo, como na categoría júnior onde Marc Tur é segundo en practicamente todas as distancias da proba de marcha, e Iván Maceiras está quinto no salto de lonxitude. A gran sorpresa de 2013 foi a marca de Anxo Vargas nos 300 metros cadete, novo récord galego da categoría e segundo no ránking; ademais está sétimo no hectómetro.
OITAVA TEMPADA CONSECUTIVA NOS 25 MELLORES CLUBS DO RÁNKING NACIONAL
Coa publicación do ranking nacional 2013, a RFEA establece unha clasificación por clubs, segundo o posto dos atletas de cada equipo no ranking e en todas as categorías. A Sociedade Gimnástica de Pontevedra, con 4.227 puntos, colócase no posto 23 da devandita clasificación. Non é o seu mellor posto, xa que en 2008 e 2010 estaban na posición 17, pero segue manténdose entre os 25 mellores.
Dividindo as diferentes categorías, a mellor puntuación corresponde ao ránking masculino absoluto, co oitavo posto, que colocan aos rapaces de Gimnástica, por sexta tempada consecutiva entre os 10 mellores.
Ademais hai que salientar que a Sociedade Gimnástica suma puntos en todas as categorías, o que demostra que con poucos medios o club intenta competir en todas as especialidades atléticas.
Tamén é unha grata noticia que o equipo pontevedrés sexa o mellor equipo galego, por segunda vez na historia. Foi en 2010, cando por primeira vez dominou o ránking nacional en Galicia.