Falece aos 51 anos Luís Márquez, xogador histórico do Betis e ex do Pontevedra
Por Diego Espiño
O mundo do fútbol espertouse este luns cunha triste noticia, o falecemento do sevillano Luis Márquez aos 51 anos de idade.
Xogador histórico do Real Betis Balompié, Márquez defendeu tamén ao longo da súa traxectoria a camiseta do Pontevedra Club de Fútbol. Será lembrado de feito como unha das primeiras grandes fichaxes da época de Nino Mirón á fronte da entidade.
De feito o centrocampista aterrou no Estadio Municipal de Pasarón directamente desde a Primeira División, tras sete campañas consecutivas na máxima categoría no propio Betis e finalmente no Real Valladolid.
Foi no verán de 2002. O Pontevedra, que viña de ser cuarto disputando o primeiro play-off de ascenso a Segunda da etapa Mirón, redobraba a súa aposta con Milucho no banco, que terminaría sendo relevado no cargo por José Aurelio Gay ao pouco de empezar a tempada.
Márquez foi xogador importante aquel curso, disputando 31 partidos (26 como titular) nos que anotou 3 goles. Os granates repetirían cuarta posición para xogar unha fase de ascenso na que levou o gato á auga o Ciudad de Murcia, e na que tamén estaban Castellón e Barakaldo. O premio do ascenso chegaría un ano despois, pero xa sen Luis Márquez no equipo ao fichar polo Real Xaén.
Segundo explica o Real Betis Balompé na súa páxina web oficial "desde hai anos, Luis Márquez viña loitando contra unha cruel enfermidade que o obrigou a pasar polo quirófano en varias ocasións, mostrando unha fortaleza e unha enteireza que sempre mereceu o eloxio dos seus compañeiros e amigos".