Promocións para o Pontevedra-Mérida con entradas de balde e a metade de prezo para socios
Por Redacción
A falta de sete xornadas para o final da competición na Primeira RFEF todos os partidos son xa finais para o Pontevedra Club de Fútbol na súa pelexa por tentar salvar a categoría.
Nesta carreira, o sábado 15 de abril (19.00 horas) os granates recibirán o Mérida no Estadio Municipal de Pasarón coa necesidade de sumar tres puntos que lle acheguen ao obxectivo. Para iso, toda axuda será ben recibida, e no club pontevedrés habilitaron novas promocións para tentar incentivar a asistencia ao encontro.
Así, os socios granates poderán retirar unha entrada gratuíta para un acompañante presencialmente nas oficinas do Estadio Municipal de Pasarón ata o venres (horario de 9.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00) ou a través da páxina web do Pontevedra. Ademais, poderán acceder a outro billete a metade de prezo para a súa mesma bancada.
En canto ao prezo das entradas para o público xeneral, fixouse en 10 euros nos fondos, 15 euros en Preferencia e 20 euros en Tribuna. No que respecta aos menores de entre 7 e 16 anos o custo será de 5 euros en calquera bancada e os menores de 7 anos contarán co acceso de balde.