Señor: "Tivemos ao Alcorcón contra as cordas pero faltounos resolución"
Por Redacción
A derrota en Alcorcón será difícil de dixerir para o Pontevedra. "Estamos doídos e danados", recoñece o seu adestrador, Juan Antonio Señor, porque ata que encaixaron o 1-0 "tivemos o partido na nosa man, como queriamos xogalo e con posibilidades de facer dano".
Na rolda de prensa posterior ao encontro, Señor sostivo que "tivemos ao Alcorcón contra as cordas", demostrando que este Pontevedra "pódelle gañar a calquera", aínda que recoñeceu que "nos faltou resolución" para levar os tres puntos de Madrid.
O gol dos locais, segundo o míster granate, produciuse tras un saque de banda "que podiamos defender mellor" e que chegou despois de que os pontevedreses chegasen á área rival "con moitísima claridade" e tivesen o "control absoluto" do partido.
Tras lembrar que o Pontevedra chegaba a este partido sen dianteiros centros puros, Juan Antonio Señor destacou que "chegamos moitas veces, percutimos e puxemos nervioso ao rival". A partir do gol dos madrileños "foi outro partido", subliñou.
O resultado, insistiu Señor, "non podemos achacalo que viñésemos sen dianteiros puros, senón que a nos faltou resolución".
"Que cada un saque as súas conclusións pero este probablemente fose un dos partidos máis incómodos que tivo o Alcorcón en toda a tempada", engadiu o adestrador do Pontevedra, que defendeu que Guèye tivese os seus primeiros minutos tras o seu regreso.
Reiterou que "é un xogador máis" co que puido contar tras un proceso de adaptación e que saíu ao campo tras o 1-0, xunto con Casais, "para ter un pouco máis de pegada", ao replegarse o líder cara á súa área e tratar de non complicarse o partido.
Para o adestrador granate toca repoñerse para preparar o partido contra o Mérida nun Pasarón que quere seguir sendo un fortín. "Cada partido que nos queda é contra un rival directo estea onde estea na clasificación porque necesitamos os puntos", sentenciou.